A Deputación leva este sábado á Estrada o programa provincial +Música cunha actuación de Mondra

O concerto terá lugar o 16 de maio ás 22:00 horas na Praza da Constitución, no marco deste programa provincial que, dotado con 700.000 euros, colabora cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas

14/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de maio, na antesala do día grande da Festa do Salmón da Estrada, o concerto de Mondra, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na carpa instalada na Praza da Constitución ás 22:00 horas.

Mondra está a xirar co espectáculo que leva ao directo o seu segundo traballo discográfico, “De ronda”, producido por Hevi (Laboratorio Soyuz). Un novo traballo autoral do cantareiro e bailador, en diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega, que fala do amor propio, da comunidade e do valor da mocidade. Baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, mestura a música en vivo, a danza e unha sofisticada e visual posta en escena. Sobre o escenario, Mondra está acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza.

O concerto de Mondra é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.