A Deputación leva este domingo 24 de maio a Portas un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre
O espectáculo terá lugar no Auditorio municipal de Portas ás 19:00 horas no marco de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
23/05/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 24 de maio a Portas un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Auditorio municipal de Portas a partir das 19:00 horas.
Xabier Díaz xunto coas Adufeiras de Salitre presenta As Catedrais Silenciadas, un traballo que culmina o proceso comezado no 2015, no que o elemento diferencial son as mulleres vocalistas e percusionistas. As composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando cancións das mulleres no rural, dándolles un toque particular. En Portas escoitaranse pasodrobres, xotas, alalás, ribeiranas, muiñeiras e, entre outros, agarrados.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.