A Deputación leva este xoves a Silleda o programa provincial +Música con actuacións de Javi Maneiro e Loita Amada dentro do XXVII Bandeirock
Os concertos terán lugar na carballeira da Pomba a partir das 20:30 horas no marco deste programa provincial que, cun orzamento de 700.000 euros, colabora cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas
18/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 20 de agosto a Silleda os concertos de Javi Maneiro e Loita Amada enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na carballeira da Pomba dentro da programación do XXVII Bandeirarock, que comezará a partir das 20:30 horas.
Javi Maneiro ten unha extensa carreira artística como fundador, compositor e cantante da recoñecida banda galega Heredeiros da Crus e tamén cos desaparecidos Jabón Blue. Neste 2026 afianza a súa carreira en solitario cunha potente banda de músicos para dar a coñecer o seu novo álbum, que inclúe sinxelos como “A miña mellor versión”.
Loita Amada é un grupo galego nacido da confluencia entre a canción protesta e o rock máis contundente. Fundado en 2022 e liderada por Pablo Carracedo Jásper como voz principal e guitarrista, está formado por Davide Salgado (guitarra), Alberte Fernández (baixo), Xiana Naval (trombón), Ana N. Cuñarro (trompeta) e Amós Varela (batería). A banda acaba de publicar o seu terceiro álbum, “Resistir é vencer”, mentres continúa levando a súa enerxía a cada concerto, reforzando vínculos culturais e abrindo novas portas na música galega.
Ambos concertos forman parte das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.