A Deputación leva este domingo ata Moraña o programa provincial +Música cunha actuación da banda The Teta´s Van

O concerto terá lugar o 26 de xullo ás 20:00 horas na Carballeira de Santa Lucía, no marco deste programa provincial que, dotado con 700.000 euros, colabora cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas

25/07/2026

A Deputación leva este domingo ata Moraña o programa provincial +Música cunha actuación da banda The Teta´s Van

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 26 de xullo ata Moraña o concerto da banda The Teta´s Van, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Carballeira de Santa Lucía ás 20:00 horas.

The Teta´s Van xuntouse por vez primeira no 2011 para participar nun concurso poñendo música a un poema de Ricardo Carvalho Calero, gañando o premio do público con Luisa Sorriso. Desde entón levan tocando por toda Galicia, facendo versións de clásicos do rock and roll, en inglés e en galego, reivindicando, ademais, o papel da muller na escena galega.

O concerto de The Teta´s Van é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.