A Deputación leva este sábado 11 de xullo ata Oia, Tomiño e Covelo concertos de Son das Tabernas, Ortiga e María do Ceo enmarcados no programa provincial +Música
Na área de ocio O Cabezo, en Viladesuso, Oia, terá lugar ás 21:30 horas o concerto de Son das Tabernas, na praza do Seixo de Tomiño, ás 22:00 horas, o de Ortiga e na praza Mestre Cerviño de Covelo, ás 22:30 horas, o de María do Ceo
09/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 11 de xullo ata Oia, Tomiño e Covelo concertos de Son das Tabernas, Ortiga e María do Ceo, respectivamente, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. Na área de ocio O Cabezo, en Viladesuso, Oia, terá lugar ás 21:30 horas o concerto de Son das Tabernas, na praza do Seixo de Tomiño, ás 22:00 horas, o de Ortiga e na praza Mestre Cerviño de Covelo, ás 22:30 horas, o de María do Ceo.
Son das Tabernas trátase dun grupo formado por nove músicos que levan máis de dez anos actuando por festas e verbenas da provincia de Pontevedra, con máis de 200 actuacións ás súas costas. Na súa proposta mesturan instrumentos acústicos con electrónicos e fusionan ritmos autóctonos con outros foráneos como a cumbia, merengue e o ska.
Pola súa banda, Ortiga é un referente da recuperación do son de verbena e da reivindicación de xéneros como o merengue, a cumbia ou o electro-latina desde unha mirada contemporánea e cun son absolutamente persoal. No seu concerto, de 80 minutos de duración, presenta “Obra social”, o seu novo álbum, con todas as cancións escritas en galego.
María do Ceo é unha mestra do fado, cunha traxectoria única na que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego. En Covelo presentará Fado miñoto, un espectáculo de música galega con ritmos do fado máis tradicional e a música popular. Cantará a Manuel María, Andrés do Barro, Armando González, Curros Enríquez, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedraio ou Rosalía de Castro, entre outros.
Estes espectáculos son tres das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
