Luis López anuncia a adxudicación da nova iluminación monumental e paisaxística do Castelo de Soutomaior por 1,7 millóns de euros
Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, que ascende a máis de 2,5 M € e está financiado polo Plan de Recuperación
29/08/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno provincial acaba de adxudicar por preto de 1,7 millóns de euros as obras que dotarán o Castelo de Soutomaior dunha nova iluminación monumental e paisaxística. "O Castelo de Soutomaior é unha das xoias da coroa do turismo da provincia de Pontevedra e é, xunto cos seus xardíns, un referente patrimonial, cultural e turístico", sinalou o presidente, que asegurou que "seguiremos traballando para poñelo en valor e potencial, manténdoo ademais en perfecto estado de conservación".
No marco destes traballos, dotarase o recinto dunha nova iluminación ornamental, co obxectivo de trasladar á paisaxe nocturna a esencia da imaxe do castelo. Ademais, tamén se vai executar a reforma eléctrica e do alumeado no castelo e na parcela na que se atopa, co fin de ofrecer un espazo de calidade para os visitantes deste Ben de Interese Cultural e da súa contorna. A actuación contempla a renovación das instalacións eléctricas, a reforma do Centro de Transformación e a instalación dun novo grupo electróxeno e novos cadros eléctricos.
As obras de iluminación monumental e paisaxística e para a mellora da instalación eléctrica na parcela do Castelo de Soutomaior son unha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo, que ascende a máis de 2,5 millóns de euros. Está financiado con fondos do Plan de Recuperación e inclúe outras propostas como a mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe, así como a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual.