A Deputación abre este xoves a inscrición para os obradoiros infantís de verán no Museo de Pontevedra, relacionados con Castelao, a olería tradicional e a colección de pintura

Desenvolveranse en xullo e agosto, con grupos diarios en obradoiros de animación stop motion e de origami e grupos semanais en obradoiros de cerámica e de teatro

16/06/2026

A Deputación abre este xoves a inscrición para os obradoiros infantís de verán no Museo de Pontevedra, relacionados con Castelao, a olería tradicional e a colección de pintura

A Deputación volve ofrecer este verán no Museo de Pontevedra un amplo programa de obradoiros infantís para as mañás dos meses de xullo e agosto. Serán catro obradoiros con diferentes dinámicas: dous deles desenvolveranse con grupos diarios, e outros dous en quendas semanais. Con eles, a rapazada achegarase de maneira lúdica e creativa á obra de Castelao a través de talleres de animación stop motion e de teatro, á olería tradicional cun obradoiro de cerámica e á colección de pintura do Museo mediante o origami.

Os obradoiros desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 28 de agosto e todos eles son de balde. O horario é sempre de 11:30 a 13:30 h. A inscrición ábrese este xoves 18 de xuño ás 10:00 h a través da web do Museo, e as prazas atribuiranse por orde de inscrición. Ao detalle, ofrécense os seguintes obradoiros:

Animando a Castelao. Do 1 ao 3 e do 7 ao 10 de xullo. Con grupos diarios, este obradoiro impartido por Carmen Pintos ofrece sete oportunidades para que a rapazada participante se introduza na técnica de animación con recortes, a partir de debuxos de Castelao que forman parte da colección do Museo de Pontevedra. Dirixido a nenas e nenos a partir de 10 anos.

Flores que Brotan dos Cadros. O 14, 15 e 17 de xullo e do 4 ao 7 de agosto. Tamén con grupos diarios, neste obradoiro de origami que imparte Cristina Velasco Mora, as e os participantes aprenden diferentes técnicas para crear flores de papel inspiradas nas que se atopan en obras expostas no museo. Dirixido a nenas e nenos a partir de 8 anos.

Olería Popular. Arte da Cerámica Tradicional. Do 21 ao 24 e do 28 ao 31 de xullo. Un obradoiro en dúas quendas semanais, impartido por Teresa Pece. O obxectivo é coñecer a olería popular galega de lugares coma Buño, Bonxe, Niñodaguia ou Gundivós e o traballo de oleiras e oleiros sen nome coñecido que encheron as casas galegas de vaixela e cacharrada. Cada quenda está dirixida a un grupo de idades diferentes: a nenas e nenos de 6 a 8 anos (do 21 ao 24 de xullo) e de 8 a 12 anos (do 28 ao 31 de xullo).

Laboratorio Escénico. Do 18 ao 21 e do 25 ao 28 de agosto. A Asociación Quecheconto ofrece esta actividade para achegarse a todas as facetas do teatro. A partir dalgunha peza artística de Castelao presente na colección do museo, desenvolverase o proceso de comprensión, exploración, posta en escena e mostra final da creación escénica. Dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos.

Galerias de imaxes