A Deputación destina 400.000 euros do Plan +Provincia e do PEID aos concellos de Barro, Cuntis, A Lama e Poio

O presidente provincial detallou que no marco da liña 1 do +Provincia Barro recibe 85.000 euros e a Lama 105.000 euros, na liña 2 Poio conta con outros 105.000 euros e Cuntis máis de 100.000 euros para infraestruturas deportivas

22/05/2026

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 400.000 euros do +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Barro, Cuntis, A Lama e Poio. O presidente Luis López detallou que que no marco da liña 1 do +Provincia Barro recibe 85.000 euros e a Lama 105.000 euros, na liña 2 Poio conta con outros 105.000 euros e Cuntis máis de 100.000 euros no PEID.

En concreto, os 85.000 € que recibe Barro permítenlle cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, polo que a institución provincial financia ao 100% o orzamento de 475.000 € da rehabilitación da Nave da Música e a humanización da contorna. A proposta de reforma do espazo mantén a organización funcional existente, cun auditorio central e aulas de ensaio laterais, mellorando ao tempo a súa funcionalidade e confort mediante a incorporación de solucións de acondicionamento acústico, illamento integral do edificio e substitución do sistema de climatización por unha bomba de calor máis eficiente. Así mesmo, transfórmase o espazo exterior de acceso nunha zona de encontro social e cultural con áreas verdes e posibilidade de uso para concertos ao aire libre, reforzando o carácter aberto e comunitario do equipamento.

Por outra banda, os 105.000 da Lama tamén lle permitirán cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, un proxecto cun orzamento de 606.000 € que ten por obxecto mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil na avenida do Concello e na rúa Manuel Tosar. As actuacións pasan por darlle prioridade peonil en plataforma compartida, mantendo o tráfico con restrición de velocidade. A proposta inclúe tamén xerar un espazo público peonil de acceso á praza da Alameda dende a rúa Manuel Tosar, en lugar da actual explanada asfaltada ocupada por vehículos e colectores de lixo. Ademais, no marco da liña 2, Poio conta con 105.000 euros para financiar gastos destinados á aprobación dos gastos ou investimentos de exercicios pechados para os que non existe crédito.

Por último, os máis de 100.000 euros que recibe Cuntis no marco do PEID permitiranlle reformar o edificio do antigo matadoiro na rúa da Palma para convertelo nun ximnasio. Reorganizarase o espazo interior, instalaranse novos pavimentos, crearase unha nova cuberta, instalaranse novas portas e ventás, as redes de fontanería, saneamento, electricidade e protección contra incendios e, entre outras actuacións, subministrarse de material o ximnasio con pelotas de fitness, colchóns, aros, soportes metálicos, pesas, etc.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros, sendo “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia” e que co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas “seguimos asentando as bases desta provincia do deporte”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.