A Deputación incrementa nun 3% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros

O deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, remarcou que “incrementamos os recursos para impulsar políticas sostibles e respectuosas, porque o desenvolvemento desta provincia non pode estar rifado coa conservación da nosa contorna natural”

22/11/2025

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 3% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros. Tanto o deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, como o da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, remarcaron o esforzo inversor do ente provincial para seguir impulsando a conservación da contorna natural e das especies vexetais da provincia.

Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente, subliñou que o incremento do recursos no orzamento de Medio Ambiente de cara ao 2026, que ascende a máis de 5,5 millóns de euros permitirá "impulsar políticas sostibles e respectuosas, porque o desenvolvemento desta provincia non pode estar rifado coa conservación da nosa contorna natural". Pola súa banda, o deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, puxo en valor que con estes recursos, que para o servizo chegarán o próximo ano aos preto de 3,1 millóns de euros, "imos seguir promovendo este centro punteiro de investigación, referente internacional, para mellorar os cultivos e as especies vexetais na nosa provincia, así como aumentar a súa difusión entre a cidadanía e o gran potencial da explotación do TéAreeiro para o desenvolvemento do rural da provincia".

Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, serán preto de 24 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao medio natural. Neste eido, ata a data, con estes fondos públicos destináronse achegas económicas a confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadoras e cooperativas agrogandeiras da provincia, así como para poñer en marcha iniciativas medioambientais da man da Unión Europea, asinar convenios con diferentes entidades para o impulso do medio natural,a posta en marcha de programas como Voando nas Rías Baixas e +Bosques e tamén para a investigación fitopatolóxica en viticultura, arredor do kiwi e en especies vexetais en xeral ou para a realización de análises, informes ou avanzar na investigación sobre o aceite de camelia e o TéAreeiro.  

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.