A Deputación incrementa nun 7% os recursos destinados a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e ORAL, que ascenden no 2027 a máis de 98,9 millóns de euros

A deputada María Ramallo destacou que preto de 81,7 millóns de euros, un 8% máis que no 2026, irán dirixidos aos concellos a través das diferentes liñas de axudas do servizo de Cooperación Municipal

06/11/2026

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 7% os recursos destinados a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e ORAL, que ascenden no 2027 a máis de 98,9 millóns de euros. Os deputados delegados destas tres áreas, María Ramallo, Pablo Castillo e Alejandro Lorenzo, puxeron en valor que a Deputación destinará un de cada tres euros do seu orzamento para apoiar aos concellos.

A deputada de Cooperación Municipal, María Ramallo, remarcou que preto de 81,7 millóns de euros recalarán no 2027 directamente nos concellos a través das diferentes liñas de axudas do organismo provincial, o que supón 5,8 millóns de euros más e case un 8% máis que no 2026. Pola súa banda Pablo Castillo, deputado de Asistencia Intermunicipal, subliñou que este servizo medra un 9,5% para situarse nos 4,2 millóns de euros no 2027. E o deputado responsable do ORAL, Alejandro Lorenzo, destacou que o seu orzamento supera os 13 millóns de euros, cun incremento do 1% con respecto ao pasado ano.

Deste xeito, entre outras moitas iniciativas, destinaranse aos concellos de menos de 50.000 habitantes 50 millóns de euros a través do Plan +Provincia, aos que hai que os recursos de plans extraordinarios como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o Plan Extra, Vía Depo ou Espazo Depo e os 7,5 millóns de euros para as cidades de Vigo (5 millóns de euros) e Pontevedra (2,5 millóns de euros) ou recursos que tamén recalan nos concellos como os case 2,6 millóns de euros para o Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento, os máis de 430.000 euros dirixidos á área de Cooperación Transfronteiriza, os 120.000 euros para axudas a agrupacións de Protección Civil ou os 300.000 para instalar desfibriladores e converter a Pontevedra na primeira provincia cardioprotexida de España.

No que respecta ao Servizo de Asistencia Intermunicipal é salientable o incremento do orzamento do Polígono de Barro, 100.000 euros máis, para realizar estudos técnicos encamiñados á súa mellora; tamén o incremento de 100.000 euros no orzamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais; ou o incremento de máis de 100.000 no orzamento do CAAN, co obxectivo de incrementar as esterilizacións de gatos, entre outras moitas cuestións. Igualmente, destinaranse 150.000 euros á realización de actividades nos colexios da provincia relacionados coa correcta xestión dos residuos.

E en canto ao ORAL destaca o incremento do 50% con respecto ao 2026 nos traballos catastrais e de mellora das bases de datos de xestión catastral e tamén do 20% nas bases de datos especializadas para apoiar as tarefas de xestión tributaria.

Co orzamento previsto para o vindeiro ano, serán preto de 400 os millóns de euros dirixidos pola Deputación de Pontevedra a Cooperación Municipal, Asistencia Intermunicipal e Xestión e Recadación dos Tributos Locais nos últimos anos. Recursos que contribuirán a apoiar aos concellos e garantir unha mellor e maior prestación dos servizos públicos nos termos municipais.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.