Rafa Domínguez destaca Etiqueta Negra como un “escaparate magnífico” para os produtores pontevedreses

22/10/2026

Rafa Domínguez destaca Etiqueta Negra como un “escaparate magnífico” para os produtores pontevedreses

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou o “escaparate magnífico” que representa a feira gourmet Etiqueta Negra para as máis de 25 empresas produtoras que participan na décima edición, que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra do 7 ao 9 de novembro. Domínguez animou á cidadanía a visitar os postos e gozar dalgunha das máis de 90 actividades gratuitas programadas, entre as que destacan showcookings a cargo de chefs de renome, catas comentadas e presentacións de novas propostas gourmet.

No acto de presentación do evento participaron tamén Yayo e Esther Daporta, chef e sumiller, respectivamente, e Pilar Vela, xefa do servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Fruticultura e Ornamentais, dependente da Deputación de Pontevedra.

“Etiqueta Negra é un proxecto que potencia os produtos do noso territorio e supón un valor económico indubidable. É un dos eventos consolidados no calendario cos que facemos cidade e provincia”, concluíu Domínguez.