A Deputación avanza que este venres aprobará 130.000 euros para a remodelación dos vestiarios da piscina municipal da Bandeira en Silleda

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

12/02/2026

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou as instalacións

A deputada provincial Belén Cachafeiro a piscina municipal da Bandeira, en Silleda, onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 130.774 euros para a remodelación interior dos seus vestiarios. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden a Silleda ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Belén Cachafeiro deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos nos vestiarios da piscina, onde se mellorará a envolvente existente (soleiras, fachadas, carpintería e cubertas), a compartimentación interior, o sistema de acabados e acondicionamento e instalacións (humidades, fontanería, ventilación, electricidade, iluminación, protección contra incendios, etc.), así como a dotación de equipamento.

“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Belén Cachafeiro, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.

Galerias de imaxes