A Deputación e o Concello de Pontevedra convocan a cuarta edición dos premios #MulleresQueOpinan

Os premios, cuxo prazo abre o 16 de marzo, promoven o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentan o nacemento dunha nova canteira de opinadoras

08/03/2026

A Deputación e o Concello de Pontevedra acaban de convocar a cuarta Edición dos premios #MulleresQueOpinan, que abrirán o prazo de presentación dos traballos o luns 16 de marzo, trala celebración do noveno foro As mulleres que opinan son perigosas. Estes galardóns, cuxas bases xa se publicaron no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres (especialmente as máis novas) e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. O prazo de presentación estará aberto ata o 10 de abril.

A Deputación e o Concello de Pontevedra premiarán con 1.000 euros cada un os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordarán no encontro, que terá lugar os días 13 e 14 de marzo no Teatro Principal da capital da provincia, ou tamén sobre a súa experiencia como espectadora ou asistente, sempre que quede acreditada a asistencia e que se inspire neste para escribir opinión. Ademais do premio monetario, os artigos tamén se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

Os artigos presentados, orixinais, deben contar cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (titular incluído e sen contar espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubriran as xornadas do foro e publicaran os seus textos nos medios que traballan. O xurado terá en conta a calidade, a perspectiva de xénero, a defensa dun xornalismo feminista, a mención ao evento e o uso de linguaxe inclusiva nos textos.

Novena edición do foro As mulleres que opinan son perigosas

A novena edición de As mulleres que opinan son perigosas, o foro que reivindica a necesidade de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel dos medios e as profesionais do oficio en tempos de desinformación, volverá ao Teatro Principal de Pontevedra os días 13 e 14 de marzo dialogando coas participantes de anos anteriores. Deste xeito, acollerá os relatorios de profesionais recomendadas por elas e ‘desvirtualizando’ as que participaron en liñas nas edicións marcadas pola pandemia da COVID-19.

Integrado na campaña A nosa meta: a igualdade da institución provincial, o foro acollerá os relatorios das xornalistas e profesionais da opinión Alba Moledo Ucha, Fátima Frieiro Santaya, Rebeca Yanke García, Carmela Ríos Calvo, Remedios Zafra Alcaraz, Nieves Domínguez Amil, Isabel Coello Cremades, Sara Morales Fuentes, Eva Vázquez Lima, Ebbaba Hameida Hafed, Andrea Proenza Zoroquiain e Helena Resano Lizaldre.