Luis López anuncia o premio internacional Silver Tower de Nueva York para o vídeo da campaña “A túa meta, o teu destino” e o éxito de participación dos I Premios Turismo Rías Baixas
O presidente provincial destaca que o recoñecemento do New York Festivals “sitúa unha vez máis a provincia de Pontevedra como referente na promoción turística e audiovisual”
22/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe dous importantes fitos vinculados á promoción e ao impulso do turismo na provincia: o recoñecemento internacional recibido polo vídeo principal da campaña turística 2026 e o éxito de participación acadado na primeira edición dos Premios Turismo Rías Baixas. Desta maneira, López informou de que o vídeo principal da campaña “A túa meta, o teu destino” foi distinguido co galardón de prata Silver Tower nos prestixiosos New York Festivals TV & Film Awards 2026, na categoría de Imaxe corporativa – Turismo, un apartado que recoñece a visión, os valores e a identidade dunha marca.
O presidente provincial puxo en valor a relevancia internacional deste premio, concedido por un xurado integrado por máis de 200 produtores, directores, guionistas e profesionais creativos dos medios de comunicación de todo o mundo. “Este recoñecemento sitúa unha vez máis a provincia de Pontevedra como referente na promoción turística e audiovisual, e avala o traballo que estamos a desenvolver para proxectar unha imaxe moderna, atractiva e con personalidade propia das Rías Baixas”, sinalou.
I Premios Turismo Rías Baixas
O presidente provincial tamén deu conta da excelente acollida dos I Premios Turismo Rías Baixas, que pecharon o prazo de presentación esta semana cun total de 84 candidaturas. “Esta resposta demostra o gran dinamismo do sector turístico da provincia e o enorme compromiso das empresas, entidades e profesionais coa excelencia, a innovación e a sustentabilidade”, destacou López.
Os premios están estruturados en sete categorías: mellor proxecto de turismo responsable, innovación en turismo, mellor proxecto municipal, mellor oficina de turismo da Rede INFO RÍASBAIXAS, mellor persoa informadora turística, traxectoria turística e recurso ou experiencia turística máis destacable. Para o presidente da Deputación, a elevada participación confirma “o gran momento que vive o turismo na provincia de Pontevedra e a capacidade do sector para seguir facendo das Rías Baixas un destino competitivo, singular e cada vez máis recoñecido dentro e fóra de Galicia”.
