A Deputación presenta os resultados do proxecto +Rueiro, que destina 1,5 millóns de euros a modernizar o padrón municipal de 59 concellos da provincia

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, deu a coñecer os avances dunha iniciativa que permitiu crear un rueiro dixital e unha base de datos de vivendas xeolocalizadas

14/04/2026

A Deputación presenta os resultados do proxecto +Rueiro, que destina 1,5 millóns de euros a modernizar o padrón municipal de 59 concellos da provincia

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu hoxe a xornada de presentación dos resultados do proxecto +Rueiro, unha iniciativa orientada á transformación dixital e á modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal nos concellos da provincia. O acto contou coa participación do deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, quen puxo en valor o alcance dun proxecto desenvolvido en colaboración co Ministerio de Política Territorial e o Instituto Nacional de Estatística, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Durante a súa intervención ante un cento de persoas dos diferentes concellos participantes, Tourís salientou que “+Rueiro supón un avance decisivo na transformación dixital e na mellora dos servizos públicos municipais”, e subliñou que “permite avanzar cara a unha administración máis moderna, eficiente e coordinada, especialmente nos concellos de menor tamaño, onde necesitamos máis apoio técnico e dotación de persoal”. Deste xeito, este proxecto ten un especial impacto práctico, xa que contar cun rueiro dixital completo e cunha base de datos de vivendas xeolocalizadas supón un antes e un despois na planificación territorial e na prestación de servizos públicos.

+Rueiro contou cun investimento de 1,5 millóns de euros e permitiu dotar os 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos á iniciativa dunha base de datos de vivendas xeolocalizadas, cun identificador único para cada inmoble, así como a creación dun rueiro dixital actualizado. Esta ferramenta facilitará a mellora da xestión do padrón, a planificación territorial e a prestación de servizos públicos. A iniciativa dá resposta a problemáticas estruturais do territorio, como a dispersión poboacional ou a existencia de enderezos incompletos, especialmente no ámbito rural, e supón un avance significativo na calidade e fiabilidade da información municipal. Entre os datos máis salientables, destaca o incremento da porcentaxe de fogares identificados cun código único, que pasou do 38% inicial ao 93% actual, o que supón un avance clave na modernización do padrón.

Durante a xornada analizáronse os resultados acadados, a evolución do proxecto e as solucións técnicas desenvolvidas, así como as posibilidades de uso das novas ferramentas por parte dos concellos. Ademais, fíxose entrega de tabletas dixitalizadoras ás entidades locais participantes, co obxectivo de facilitar o acceso e a xestión da información. A xornada incluíu tamén demostracións do visor web desenvolvido no marco do proxecto, así como exemplos de integración da información nos portais municipais e de xestión do padrón en liña, consolidando +Rueiro como unha ferramenta fundamental para a administración local do futuro.

Galerias de imaxes