A Deputación pon en valor este xoves en Cambados a figura de Matilde Vázquez, a soprano que conquistou Madrid interpretando zarzuela
O faladoiro forma parte do programa provincial Aquí faltan páxinas, e terá lugar o xoves 26 de febreiro ás 20:00 horas na Sala Pitusa da Casa da Calzada
22/02/2026
A Sala Pitusa da Casa da Calzada, en Cambados, acolle este xoves 26 de febreiro ás 20:00 horas un novo faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar historias de mulleres que non adoitan ser contadas. Nesta ocasión a protagonista será Matilde Vázquez, soprano natural de Cambados e afincada en Madrid que representa o esplendor da zarzuela. Os asistentes ao faladoiro poderán asistir ao relatorio de Marieta Lorenzo, investigadora musical e arquiveira da Real Filharmonía de Galicia, que estará acompañada pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós.
O faladoiro destacará a traxectoria de Matilde Vázquez, que tras trasladarse a Madrid coa súa familia comezou a recibir leccións de música e canto co mestre Luis Iribarne. Actuou como cupletista, pasou despois ao xénero da revista e a súa carreira despegou en 1927 co seu debut na zarzuela, incluso sendo protagonista de versións cinematográficas e facendo varias xiras por Hispanoamérica. Tras a guerra civil fundou a súa propia compañía e deixou rexistro discográfico con intérpretes como Marcos Redondo e Juan García. Retirouse arredor de 1955 e a partir de aí dedicaríase á pintura de xeito afeccionado. Faleceu en 1992 e deixou unha traxectoria que representa o esplendor da zarzuela española no seu momento máis brillante, así como un legado de repertorio clásico que tivo unha influencia duradeira no teatro lírico español.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala e Marisol Soengas, ao dedicado a Matilde Vázquez seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.