A Deputación seleccionada para optar aos Premios Anillos de Oro do Círculo de Profesionais das Series Españolas polo labor desenvolvido a través da Rías Baixas Film Commission

“Este é un recoñecemento ao traballo, á nosa capacidade de xestión e á profesionalidade da Rías Baixas Film Commission, que ten demostrado ser unha peza clave para o desenvolvemento de rodaxes e producións audiovisuais na provincia”, asegurou o presidente Luis López

06/03/2026

A Deputación seleccionada para optar aos Premios Anillos de Oro do Círculo de Profesionais das Series Españolas polo labor desenvolvido a través da Rías Baixas Film Commission

A Deputación de Pontevedra acaba de ser seleccionada para optar aos Premios Anillos de Oro do Círculo de Profesionais das Series Españolas polo labor desenvolvido a través da Rías Baixas Film Commission durante os anos 2024 e 2025. “Nunha semana na que vimos de participar na Feira Internacional de Turismo BTL de Berlín, seguimos a colleitar boas novas para a provincia”, remarcou o presidente Luis López.

En maio coñecerase se a Deputación consigue finalmente o galardón, que será entregado en xuño en Tenerife, pero, tal e como subliñou López, o feito de ser seleccionados para optar á primeira edición destes Premios Anillos de Oro “é un recoñecemento ao traballo, á nosa capacidade de xestión e á profesionalidade da Rías Baixas Film Commission que ten demostrado ser unha peza clave para o desenvolvemento de rodaxes e producións audiovisuais na provincia”.

O presidente recordou que o pasado ano a Film Commission provincial xestionou máis de 60 producións audiovisuais, organizou unha viaxe de familiarización na que se deron cita empresas audiovisuais de renome internacional e localizadores de grandes producións mundiais de cinema, e participou en feiras e eventos do sector audiovisual, como os celebrados en Valladolid ou Londres, onde divulgou e presentou o destino Rías Baixas a plataformas como HBO ou Netflix e produtoras líderes do mundo.

Festival de Cine de Málaga

A Rías Baixas Film Commission participará a próxima semana no Festival de Cine de Málaga, ata onde viaxará con material promocional para divulgar os puntos fortes da provincia para a produción de rodaxes cinematográficas. Alí contará cun espazo no stand da Spain Film Commission, xunto con outras entidades socias da rede, onde aproveitará para reunirse con produtoras líderes para avanzar no posicionamento da provincia como destino de grandes producións audiovisuais.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.