Domínguez destaca o avance da licitación para recuperar os xardíns de Santa Clara e abrilos á cidadanía

O proxecto de restauración paisaxística, cun orzamento de 870.000 euros e un prazo de execución de catro meses, permitirá recuperar 4.500 metros cadrados de espazos verdes no centro de Pontevedra

17/11/2026

Domínguez destaca o avance da licitación para recuperar os xardíns de Santa Clara e abrilos á cidadanía

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, informou dos avances administrativos para facer realidade a apertura dos xardíns de Santa Clara á cidadanía no ano 2027. A licitación publicouse este luns no perfil do contratante, despois de que o pasado venres, a Xunta de Goberno provincial, aprobase o expediente de contratación das obras de restauración paisaxística e acondicionamento funcional, cun orzamento de 870.000 euros. O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de decembro.

“A Deputación está a dar os pasos necesarios para que os xardíns de Santa Clara deixen de ser un espazo pechado, despois de 750 anos, e pasen a formar parte da vida da cidade. É un proxecto polo que traballamos desde o primeiro momento e que permitirá recuperar para todos os pontevedreses un lugar excepcional”, afirmou Domínguez.

A intervención permitirá acondicionar 4.500 metros cadrados de xardíns situados no recinto do antigo convento de Santa Clara, nunha localización privilexiada, xunto á praza de Barcelos. O contrato tramítase mediante procedemento aberto simplificado e establece un prazo de execución de catro meses desde a súa adxudicación. A actuación combinará a recuperación paisaxística do recinto coa mellora das súas condicións funcionais para o uso público.

Domínguez destacou, ademais, “o potencial deste espazo como lugar de encontro, paseo e descanso, así como a súa capacidade para acoller actividades e eventos vinculados ao Museo. Non se trata unicamente de recuperar uns xardíns, senón de incorporar ao centro de Pontevedra un espazo verde cunha personalidade propia e unhas posibilidades extraordinarias”, asegurou. O vicepresidente incidiu en que o obxectivo é desenvolver o proxecto coas garantías necesarias, sen establecer unha data de apertura por riba da calidade da actuación.

En paralelo á licitación das obras de restauración paisaxística, a Deputación está a tramitar a contratación dos traballos de acompañamento arqueolóxico, que se atopan actualmente en fase de adxudicación. A previsión é que este procedemento quede resolto nun prazo aproximado de 14 días. A empresa adxudicataria deberá redactar o proxecto arqueolóxico conforme ás condicións fixadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na súa resolución do 15 de outubro de 2026, para a súa posterior autorización.

Unha vez obtida esa autorización, a documentación remitirase ao Concello de Pontevedra para completar o expediente de licenza municipal das obras. Deste xeito, avanzan simultaneamente os dous procedementos necesarios: a contratación da intervención, xa publicada, e a tramitación arqueolóxica, imprescindible para completar os requisitos administrativos previos ao inicio dos traballos.

“Estamos cumprindo todos os pasos que require unha actuación destas características. O respecto polo patrimonio é irrenunciable, pero tamén o é o noso compromiso de que Santa Clara se abra á cidade. Non imos deixar de traballar ata conseguilo”, asegurou Domínguez.

O vicepresidente concluíu destacando a importancia desta recuperación para a transformación urbana de Pontevedra e a mellora da contorna dos barrios próximos: “Santa Clara será un espazo de todos e para todos. Un proxecto de cidade que permitirá recuperar patrimonio, gañar calidade de vida e ofrecer aos pontevedreses un dos xardíns máis especiais de Galicia”.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.