Rafa Domínguez participa na presentación das finais do Campionato Xunta de Galicia de Voleibol
09/04/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe no Concello de Pontevedra na presentación das finais do Campionato Xunta de Galicia de Voleibol, que “converterán neste mes de abril á nosa cidade no epicentro do voleibol galego”. O pavillón da Xunqueira acollerá a final júnior masculina este sábado 11 de abril e a final sénior masculina o vindeiro día 19, en dúas citas organizadas polo Club Voleibol Pontevedra.
“Desde a Deputación queremos amosar o noso apoio a este tipo de eventos que fomentan o deporte base e o deporte de competición, e que ademais contribúen a dinamizar a vida social e económica da nosa provincia”, afirmou o vicepresidente provincial, que lembrou que “Pontevedra volve presentarse como un escenario idóneo para acoller grandes eventos deportivos, cunha organización á altura e unhas instalacións preparadas para este tipo de competicións”.

