A Deputación avanza que este venres aprobará preto de 189.000 euros para a reforma da cuberta do pavillón de Panxón, en Nigrán

O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

10/04/2025

Reforma da rúa Raimundo García Domínguez

O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, o pavillón de Panxón, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de preto de 189.000 euros para a reforma da súa cuberta. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Nigrán recibirá este ano un 72% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 109.000 euros para a construción dunha pista de pumptruck e outra de surfskate.

Almuiña deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se impulsará unha actuación que repercutirá de forma moi positiva na práctica deportiva. O obxectivo principal dos investimentos é dar solución aos problemas de filtracións de auga polo que os traballos implican a substitución dos paneis da cuberta existente por outros de características superiores, con maior illamento e durabilidade; a solución dos problemas nos puntos de encontro das estruturas, asegurando un selado máis eficaz para previr filtracións de auga e acumulación de humidade e a substitución de baixantes e caleiros.

“Hoxe demostramos con recursos concretos e feitos tanxibles, que este é un goberno que aposta polo deporte e o municipalismo”, asegurou Almuiña na súa visita a Nigrán onde lembrou o “grande esforzo económico” que está a realizar a Deputación de Pontevedra para que os concellos teñan “nas mellores condicións” os seus equipamentos e infraestruturas deportivas. “Impulsamos o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas o pasado ano, con grande éxito e acollida entre os concellos, e neste 2025 redobramos os esforzos, duplicando o orzamento, para axudar aos concellos na dotación e mantemento das súas instalacións e avanzar para converter Pontevedra na provincia do deporte”, subliñou o deputado.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.