A Deputación destina máis de 46.000 euros para dotar dun itinerario accesible e de aseos adaptados ao pavillón de Príncipe Felipe

Con esta actuación, a institución provincial avanza na promoción da igualdade e da inclusión no deporte nesta instalación que acolle cada ano innumerables eventos deportivos autonómicos, nacionais e internacionais

29/07/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para dotar dun itinerario accesible e de aseos adaptados ao pavillón de Príncipe Felipe, cun investimento de máis de 46.000 euros. Con esta actuación, a institución provincial avanza na promoción da igualdade e da inclusión no deporte nesta instalación, de titularidade da Deputación, que acolle cada ano innumerables eventos deportivos, tanto no ámbito autonómico, como no nacional ou no internacional.

Nestes momentos o pavillón do Centro Príncipe Felipe non conta cun itinerario accesible, nin con aseos adaptados, polo que a Deputación de Pontevedra considera preciso dotar a esta instalación deportiva destas prestacións. Deste xeito, realizarase unha reforma parcial do pavillón para a creación duns aseos accesibles no acceso leste do pavillón polideportivo, o que implicará mellorar as condicións de accesibilidade e desmontar a plataforma salvaescaleiras. Os novos aseos accesibles contarán con acabados confortables e durables, baldosas de cerámicas de gres porcelánico antideslizante, paredes revestidas con gres e pintura plástica e acabado mate, así como con lavabos de porcelana e inodoros adaptados e con elementos para facilitar o seu emprego.

Estes recursos que veñen de ser aprobados súmanse aos 5,5 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra destina ao Centro Príncipe Felipe neste 2026, ano no que se conmemora o 50 aniversario da súa inauguración. Uns recursos que, segundo o deputado delegado do centro, Pablo Castillo, servirán para “mellorar as súas infraestruturas e consolidar este espazo de valor incalculable para Pontevedra e o conxunto da provincia; un recinto ao servizo da sociedade, da infancia e da mocidade”.