A Deputación destina máis de 16.000 euros para que nove entidades sen fins de lucro das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes impulsen actividades de dinamización da lingua galega

A liña de axudas, que repartiu 150.000 euros entre 61 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía

07/07/2026

A Deputación de Pontevedra destina este ano máis de 16.000 euros a nove colectivos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar esta liña de axudas das que este ano resultaron beneficiarias un total de 61 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.

Desta maneira, en Agolada a Asociación Cultura Xeración Nós de Borraxeiros contará con 954 € para o proxecto Coñece a nosa parroquia co roteiro de palabras, mentres que na Estrada serán catro as entidades que se beneficiarán desta liña: a Asociación Xesteira recibirá 1.500 € para As Nosas Letras, a Asociación de Veciños San Xorxe de Cereixo 1.943 € para o recital de escolares de cantigas populares en galego, a Asociación Recreo Cultural da Estrada 2.822 € para o V Marzo con “M” de Muller, e O Recuncho da Lingua 1.968 € para Ken Keirades: percorrido audiovisual sobre Manuel García Barros. Ademais, en Lalín a Asociación Cultural Bolarqueira contará con 2.000 € para Literatura no Rural 2026 e a Asociación Cultural Mirlotil con 4.000 € para La Lin Gua II: Conectando Xeracións e Valores Positivos. Por último, en Vila de Cruces a Asociación Agrupación Socio Cultural Banda Artística de Merza contará con 3.650 € para Xosé Neira Vilas; Lingua, Música e Tradición, e a Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño con 1.171 € para o proxecto Tras as pegadas de Pepe e Anisia.

“Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López trala Xunta de Goberno da Deputación-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.