A Deputación activa a próxima fin de semana un espazo pop-up temporal en Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”
Trátase da primeira vez que o organismo impulsa esta acción promocional que levará ata a madrileña praza Callao experiencias de realidade virtual arredor de náutica e do surf na provincia de Pontevedra
12/10/2026
A Deputación lanza un espazo pop-up temporal en Madrid para fomentar experiencias arredor da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”. Trátase da primeira vez que o organismo impulsa esta acción promocional que levará ata a madrileña praza Callao experiencias de realidade virtual arredor da náutica e do surf na provincia de Pontevedra. O espazo pop-up, no que tamén se achegará información sobre o destino Rías Baixas, estará operativo entre o venres 16 e o domingo 18 de outubro cun horario previsto de atención de 8 horas diarias, de 12:00 a 20:00 horas.
O destino provincia de Pontevedra ocupará o número 1 da praza Callao de Madrid, nun espazo con pantallas interiores e exteriores e vinilos con imaxes singulares do destino Rías Baixas. Neste espazo, entre outras moitas accións promocionais, instalaranse dous postos de realidade virtual, un de vela e outro de surf, para fomentar a interacción co público, conectar a experiencia coa campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” e, ao mesmo tempo, promocionar a provincia como destino de turismo activo.
No posto de vela, as persoas participantes poderán vivir unha experiencia náutica virtual en alta mar, navegando polas augas das Rías Baixas e contemplando as paisaxes da provincia. No caso do posto de surf, as persoas subiranse a unha táboa real de surf para que a inmersión sexa o máis real posible. En ámbolos dous postos haberá modalidades de competición e outorgaranse premios ás persoas coas mellores puntuacións. Deste xeito, o primeiro premio de vela beneficiarase dunha experiencia nunha adega, con visita, cata e degustación, e o primeiro premio de surf dunha noite de hotel con almorzo e circuíto de spa. Os seguintes clasificados das dúas experiencias de realidade virtual conseguirán desde reloxos intelixentes, neveiras ou ata, entre outras cousas, mantas coa imaxe de Turismo Rías Baixas.
A campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” reafirma o compromiso da Deputación cun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico social e territorial. A campaña busca consolidar as Rías Baixas como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable, que conecta territorio, persoas e experiencias. Ao longo do ano foi premiada en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Xapón, Estados Unidos, Sudáfrica, España e Francia.
