A Deputación ultima os días para visitar as exposicións de ‘A derradeira leición do mestre’ e José Freixanes no Museo de Pontevedra

O Edificio Castelao acollerá dúas actividades relacionadas: unha conferencia de Manuel Gago sobre as árbores na cultura galega e un recital de Alberto Avendaño e a soprano Loli Crespo arredor de José Freixanes

21/09/2026

A Deputación ultima os días para visitar as exposicións de ‘A derradeira leición do mestre’ e José Freixanes no Museo de Pontevedra

Esta semana será a última para visitar no Museo de Pontevedra as exposicións ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ e ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’, que pecharán as súas portas o domingo 27 de setembro. Nestes días o Museo organiza dúas actividades relacionadas: o xoves ás 19:00 h, Manuel Gago pronunciará a conferencia ‘Irmáns de terra: as árbores como marcos de memoria e identidade na cultura galega’, e o venres á mesma hora, Alberto Avendaño e a soprano Loli Crespo realizarán un recital poético arredor da obra de José Freixanes.

Este domingo será o último día para contemplar en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’ antes de que o emblemático cadro de Castelao regrese ao Centro Galicia de Bos Aires. Nesta última semana, a Fundación Alexandre Bóveda organiza co Museo de Pontevedra a conferencia ‘Irmáns de terra: as árbores como marcos de memoria e identidade na cultura galega’. O profesor e xornalista Manuel Gago tomará como punto de partida os restos dunhas cascas do piñeiro fronte ao que foi fusilado Alexandre Bóveda e que se exhiben xunto ao óleo de Castelao que retrata a Bóveda fusilado. A partir de aí, Gago percorrerá o papel das árbores na cultura galega ao longo da súa historia e o rol que se lles asignou como símbolos galegos a partir do Rexurdimento.

Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), director de culturagalega.gal, a plataforma cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor de Ciencias da Comunicación na USC. Como divulgador cultural, Gago promove numerosas iniciativas de comunicación dixital ao redor da historia, da paisaxe e da cultura de Galicia. Como comisario de exposicións, é responsable de Galicia 100. Obxectos para contar unha culturaAlba de Gloria de Castelao, unha experienciaGalicia, un relato no mundo; e as sete mostras Cidades no tempo. A conferencia será o xoves 24 de setembro ás 19:00 h no Edificio Castelao.

José Freixanes: recital poético

Tamén se clausurará o domingo a mostra ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’, un percorrido pola pintura nas últimas décadas do artista pontevedrés, falecido en novembro de 2025. Por ese motivo, o venres 25 de setembro ás 19:00 h o Edificio Castelao acolle a segunda das xornadas arredor da obra de Freixanes, cun recital poético a cargo de Alberto Avendaño, que estará acompañado da soprano Loli Crespo.

Alberto Avendaño naceu en Vigo en 1957 e ten unha longa e contrastada traxectoria como xornalista, xa que traballou en diferentes medios de Galicia e de España e, desde 1991, en Estados Unidos. Como escritor, formou parte do grupo Rompente e en galego creou narrativa, teatro, literatura infanto-xuvenil e poesía, ademais de traducir á nosa lingua textos de Roal Dahl e Edgar Alan Poe, entre outros. En 2023 publicou xunto a José Freixanes o libro Bueno carallo bueno, no que dialogan a poesía dun e a pintura do outro.

Galerias de imaxes