A Deputación ultima o prazo para participar no concurso de microrrelatos audiovisuais Micromuseo

O certame, centrado este ano en Castelao, está aberto aos centros escolares desde primaria ata FP que poderán presentar as súas candidaturas ata o venres 9 de maio

01/05/2025

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo venres 9 de maio o prazo para participar na segunda edición do concurso Micromuseo, o certame de microrrelatos audiovisuais convocado polo Museo de Pontevedra que busca implicar a comunidade escolar no descubrimento do patrimonio cultural da provincia. Este ano o concurso, que repartirá 9.000 euros en premios, está dedicado ao descubrimento da obra de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do falecemento desta figura indispensable para o museo en particular e, en xeral, a cultura galega.

Micromuseo está enfocado a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra. O alumnado deberá presentar un microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 120 segundos, para o que terán que buscar e indagar sobre algunha das pezas pertencentes á obra do escritor, político e artista galeguista que se custodian e expoñen no Museo de Pontevedra. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación.

A participación debe facerse en grupo (sempre que o número de participantes non supere unha aula) e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por cada unha das tres categorías: a primeira, para os estudantes de 5º e 6º de primaria; a segunda, para os da ESO, e a terceira para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos.

Cada categoría terá un primeiro e un segundo premio valorados en 2.000 e 1.000 €, respectivamente, facendo un total de 9.000 euros. Con estes recursos os centros poderán adquirir material, realizar saídas educativas, entregar bolsas ao alumnado ou realizar outras actividades relacionadas coa súa programación. Ademais, cada un dos seis premios estará acompañado dun lote de tres libros do Museo de Pontevedra relacionados con Castelao.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.