A Deputación convértese en aliada da mocidade, coa aprobación do I Plan Estratéxico de Xuventude e novos programas enfocados nas súas necesidades

Ao longo dos tres anos de goberno de Luis López creouse un servizo de Xuventude desde o que se impulsan liñas de axudas propias e novas na historia da Deputación como o Plan +Xuventude ou O teu espazo xuvenil, do que se beneficiaron 60 proxectos e 22 locais xuvenís

16/07/2026

A Deputación convértese en aliada da mocidade, coa aprobación do I Plan Estratéxico de Xuventude e novos programas enfocados nas súas necesidades

A Deputación de Pontevedra convértese en aliada da mocidade, coa aprobación do I Plan Estratéxico da Xuventude e novos programas enfocados nas súas necesidades. “Un dos grandes acertos foi crear o servizo de Xuventude e Reto Demográfico”, subliñou o presidente Luis López quen enxalzou a posta en marcha da primeira estratexia da historia da institución provincial que pon á mocidade no centro.

O deputado responsable da área de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, subliñou que “a xuventude, o noso futuro, está atendida como nunca antes estivera pola Deputación de Pontevedra e seguiremos traballando nesta liña, convencidos, porque sabemos que este é o camiño para o avance da nosa provincia”. Neste eido, ademais do I Plan Estratéxico de Xuventude, o deputado puxo en valor novas liñas de axudas impulsadas nestes anos como o Plan +Xuventude, con preto de 60 proxectos xuvenís impulsados e máis de 200.000 euros distribuídos, ou O teu espazo xuvenil, de dotación de 22 locais destinados a uso da mocidade cun investimento de preto de 45.000 euros.

Tamén se crearon novos programas, como Vive o Rural, ao que se destinaron xa preto de 130.000 euros e do que se beneficiaron preto de 5.200 nenas e nenos da provincia, así como os obradoiros En Plan Ben, de saúde mental, que impulsou 30 accións formativas en 18 centros educativos, ou Xuventude a Máis, con 102 obradoiros dirixidos á mocidade dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Outros existentes, como os Campamentos da Lanzada ou os Premios de Xuventude, reforzáronse ata conseguir cifras récord de participación.

A través do servizo de Xuventude e Reto Demográfico, ademais, púxose tamén en marcha Pontevedra Literaria, que nas súas dúas primeiras edicións concentrou a grandes figuras das letras como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Santiago Gamboa, Manuel Jabois, Laura Ferrero, Jorge Volpi, Ledicia Costas ou, entre outros, Paloma Sánchez-Garnica; constituíuse a mesa de emprego xuvenil e o programa +Reto Dixital, con 41 accións formativas nas que participaron medio millar de persoas de máis de 50 anos para loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada.