A Deputación analiza a evolución económica, social e empresarial das provincias españolas desde 1975 e presenta a exposición fotográfica ‘Vigo Emerxente’
Un estudo do Consello Xeral de Economistas e da Cámara de Comercio de España subliña o peso exportador de Pontevedra, que en 2024 ocupou o cuarto posto a escala nacional
09/10/2026
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este venres unha xornada dedicada a analizar a evolución económica das provincias españolas durante os últimos 50 anos, cunha especial atención ao caso de Pontevedra, e á transformación económica e social de Vigo a través das estatísticas e da fotografía.
O encontro comezou coa presentación do estudo “1975-2025. Unha visión por provincias: 50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España”, elaborado conxuntamente polo Consello Xeral de Economistas de España e a Cámara de Comercio de España. O traballo analiza desde unha perspectiva provincial a evolución da poboación, o emprego, a renda, as infraestruturas e o tecido empresarial, e permite identificar tanto os avances das últimas cinco décadas como os desequilibrios que aínda existen entre territorios.
A presentación correu a cargo de Raúl Mínguez, director do Servizo de Estudos da Cámara de Comercio de España, e Enrique Flores, analista do Servizo de Estudos do Consello Xeral de Economistas de España. Na xornada tamén participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; a decana do Colexio de Economistas de Pontevedra, Lucy Amigo; e o vicepresidente segundo da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, Javier Touza. Igualmente, proxectouse unha intervención gravada do presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Miguel Ángel Vázquez Taín.
No caso de Pontevedra, o estudo presta especial atención á súa capacidade exportadora. A provincia situouse en 2023 como a terceira de España pola proporción das exportacións sobre o PIB, cun 64,8%, fronte ao 33,5% rexistrado no ano 2000. En termos de volume, Pontevedra ocupou en 2024 a cuarta posición entre as provincias españolas, con preto de 15.000 millóns de euros en exportacións, só por detrás de Barcelona, Madrid e Valencia.
Para Luisa Sánchez, estes datos axudan a entender unha transformación económica que en Vigo resulta especialmente visible. “A mediados dos anos setenta, Vigo era un dos grandes centros industriais de Galicia. A construción naval, a automoción, a pesca, a conserva e a actividade portuaria daban emprego a decenas de miles de persoas e estaban detrás do propio crecemento da cidade”, sinalou.
Cinco décadas despois, boa parte desa base produtiva continúa existindo, pero cunha estrutura diferente. A vicepresidenta salientou a evolución da automoción arredor da planta de Balaídos e o desenvolvemento posterior dunha ampla rede de empresas auxiliares, fabricantes de compoñentes, enxeñarías, empresas loxísticas e servizos especializados.
Tamén mudou profundamente a economía vencellada ao mar. A pesca, a industria conserveira e o porto seguen tendo un peso importante, pero os procesos produtivos, a conservación e transformación dos produtos, a comercialización e as relacións cos mercados internacionais son hoxe moi diferentes ás de hai medio século.
“Moitas das actividades que asociamos historicamente con Vigo seguen existindo, pero traballan doutra maneira”, explicou a vicepresidenta. “Hoxe as empresas forman parte de cadeas de subministración internacionais, compran e venden en mercados moi diferentes e están máis expostas ao que acontece fóra. Iso abre oportunidades, pero tamén fai que unha crise nas cadeas de subministración, unha pandemia ou as dificultades da industria europea teñan consecuencias aquí”, proseguiu.
Exposición “Vigo Emerxente”
A segunda parte da xornada trasladou esa evolución económica ao ámbito da imaxe coa presentación da exposición “Vigo Emerxente. Industria, comercio e navegación”, que reúne 64 fotografías do Arquivo R. Quintero e que poderá visitarse de balde na Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo ata o 23 de outubro en horario de 09.00 a 20.30 horas, de luns a venres.
A mostra está estruturada en seis capítulos –“Construíndo a cidade”, “De metal, de madeira e papel”, “O comercio”, “O téxtil”, “Formando” e “Da terra e do mar”- e un epílogo dedicado ao futuro. O conxunto amosa como a industria, o comercio e a actividade marítima participaron na construción da Vigo contemporánea e recupera tamén imaxes de diferentes puntos da provincia.
“Vigo emerxente” está vencellada ao 140º aniversario da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e recupera fotografías realizadas no ámbito da actividade industrial e económica de Vigo, desde empresas e comercios ata o porto, centros de formación, traballadores, maquinaria e espazos urbanos.
A exposición conecta especialmente coa traxectoria de Roberto Quintero Corredoira, que desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na fotografía técnica e industrial ao fronte do seu propio estudo e que tamén asumiu responsabilidades de representación nas organizacións profesionais de fotógrafos de Pontevedra, Galicia e España. O seu fillo, Roberto Quintero López, deu continuidade posteriormente ao arquivo e participou na recuperación e contextualización do material.
Para Luisa Sánchez, a combinación do estudo económico e da exposición permite achegarse á historia recente de Vigo desde dous puntos de vista complementarios. “Primeiro miramos a evolución económica a través dos datos. Agora podemos mirala a través das imaxes”, apuntou. “As estatísticas permítennos saber cantas persoas traballaban nun sector ou canto exportaba unha provincia; as fotografías permítennos poñer rostros ás persoas e observar os lugares, as máquinas, os comercios e as empresas”, incidiu.
