A Deputación destina 240.000 euros para mellorar o firme de máis dunha decena de camiños municipais de Cuntis
O deputado Ricardo Martínez anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para actuar en vías situadas nas parroquias de Arcos, Cuntis, Estacas, Portela e Troáns
20/08/2026
O deputado provincial Ricardo Martínez anunciou este xoves en Cuntis que a Deputación de Pontevedra financiará integramente as obras de mellora do firme de varios camiños municipais. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 240.000 euros enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Cuntis máis de 1,1 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Grazas aos recursos do Plan +Provincia, o Concello de Cuntis vai facer fronte ás obras de mellora de camiños municipais situados nas parroquias de Arcos, Cuntis, Estacas, Portela e Troáns, concretamente situados nos núcleos da Bragaña, Calvos (desde onde o deputado provincial fixo o anuncio), O Campo, Arrotea, Novás, O Casal, Vilabar de Abaixo, Lornes, Cornado, A Casiña e Portela. En todas os casos a capa de rodaxe está moi deteriorada e teñen a maior parte das cunetas atrancadas ou con problemas na circulación das augas de enxurrada. Grazas a estas actuacións vaise mellorar a capa de rodaxe, o sistema de evacuación de augas pluviais e mais a sinalización das vías.
Ricardo Martínez puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido o deputado sinalou que, a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Cuntis, que melloran infraestruturas fundamentais no día a día”.
