A Deputación continúa esta fin de semana en Valga e no Campo Lameiro os percorridos do programa provincial +Bosques

A contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi e o río Maneses acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

15/07/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades terán lugar este sábado 18 de xullo no Río Maneses do Campo Lameiro e o domingo 19 de xullo na contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga), e nelas participarán un total de 60 persoas.

As fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, configuran unha ruta a través de densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, con fervenzas, antigos muíños restaurados e un tapiz de vexetación exuberante. Pola súa banda, a contorna do río Maneses presenta unha rica vexetación autóctona de ribeira, con salgueiros, carballos, loureiros e fentos, ademais de muíños.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Os percorridos continuarán no mes de xullo o 25 pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) e o 26 polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) e todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza, promovendo a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.