A Deputación pon en marcha Voces dos Ermos, o ciclo de concertos de música coral en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo

A iniciativa comezará este luns 23 de marzo, ás 20:00 horas, cun concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra no Auditorio da sede de Afundación da cidade do Lérez

18/03/2026

A Deputación de Pontevedra organiza esta primavera un ciclo de cinco concertos de música coral en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. Voces dos Ermos, como así se chama a iniciativa, levará a cinco concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Poio) actuacións de agrupacións corais e grupais de referencia en Pontevedra ou vinculadas coa provincia e que, ademais, celebran algunha efeméride ou aniversario dentro da súa historia ou traxectoria durante o ano 2026. Os concertos son de balde e comezarán o próximo luns 23 de marzo da man da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra.

Nos concertos do ciclo Voces dos Ermos terán protagonismo as voces e mesturarase a música clásica coa popular e a contemporánea. O seu nome nace dunha das obras emblema da cultura galega, “O mesón dos ermos”, autoría de Otero Pedrayo. Ademais, o ciclo tamén ten relación co premio que leva o nome do autor, outorgado polas catro deputacións galegas e que en 2025 recaeu na Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra coincidindo co seu centenario (1925-2025). Ao igual que esta obra é un símbolo do rural e do interior galego, as formacións corais e grupais son tamén un símbolo da música popular galega.

O primeiro concerto de Voces dos Ermos será o ofrecido pola centenaria Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra coa Orquestra Sinfónica de Pontevedra, que presentarán “Leucoíña. O canto das augas”, de Brais González, o 23 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Para este concerto, gratuíto, será necesario retirar previamente as entradas na web de Ataquilla.com ou no propio auditorio desde unha hora antes do concerto.

Trala estrea en Pontevedra, o ciclo continuará o 11 de abril en Vigo, da man da Banda Filharmónica de Vigo co coro Mistura Vocal no auditorio da Asociación Veciñal de San Miguel de Oia ás 19:00 horas. Seguiralle o 25 de abril en Vilagarcía de Arousa, da man do Coro Liceo de Vilagarcía (que fai 45 anos este 2026), a Banda de Cámara Arousa e solistas, que ofrecerá un concerto de música sacra In memoriam na igrexa do convento de Vista Alegre ás 20:30 horas. Voces dos Ermos continuará o 18 de abril ás 19:30 horas coa actuación en Ribadumia de Tolemia’s Consort na Igrexa de San Andrés de Barrantes e o peche do programa terá lugar no mosteiro de San Xoán de Poio o 23 de maio ás 20:30 horas co concerto do LX Aniversario de Orfeón e Orquestra Terra a Nosa.