A Deputación destina 150.000 euros para que 42 concellos da provincia organicen actividades de dinamización da lingua galega
“Somos unha administración comprometida coa nosa lingua que celebra e comparte o novo Plan Xeral de Normalización impulsado pola Xunta de Galicia, con máis de 700 medidas tras escoitar a 130 expertos de todos os eidos”, asegurou o presidente Luis López
24/07/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de 150.000 euros para que 42 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan realizar actividades de dinamización da lingua galega. En total, cada un dos concellos recibirá achegas que oscilan entre os 260 e os máis de 7.600 euros para organizar xornadas, certames literarios, actividades das Letras Galegas, foliadas, edición de publicacións en galego, ciclos de cine, obradoiros, etc. “Somos unha administración comprometida coa nosa lingua que, por certo, celebra e comparte o novo Plan Xeral de Normalización impulsado pola Xunta de Galicia, con máis de 700 medidas tras escoitar a 130 expertos de todos os eidos”, asegurou o presidente provincial, Luis López.
En concreto, tal e como explicou López, na contorna de Vigo e no sur da provincia son 18 os concellos que recibirán achegas: Baiona recibirá 3.676 € para Baiona Vila Viva no Outono; A Caniza 3.344 € para as Letras Galegas; Fornelos de Montes 2.292 € para os Premios de Poesía E Xornalismo Manuel Lueiro Rey; A Guarda 5.100 € para A Guarda Dálle á Lingua: Os precursores a escena; Mondariz 3.963 € para O mes da nosa lingua; Mos 6.064 € para o proxecto de dinamización da lingua a través da música en vivo; As Neves 2.339 € para As Neves en Galego; Nigrán 1.326 € para a primeira edición do libro As marxes de Carlos Casares; Oia 2.722 € para Oia en podcast: taller escolar de creación audiovisual en galego; Pazos de Borbén 6.600 € para os obradoiros de creación literaria e o certame de relato curto; Ponteareas 5.634 € para o fomento do galego no ámbito comercial e socioeconómico; Redondela 6.016 € para o proxecto de fomento entre a mocidade do galego oral Unha Semaniña Enteira; O Rosal 2.909 € para Venres rebulideiros; Salceda de Caselas 2.936 € para a promoción e conmemoración do Día das Letras Galegas; Salvaterra de Miño 1.715 para Vive o Nadal en Salvaterra; Soutomaior 4.679 € para as Letras Galegas; Tomiño 3.772 € para Letras Galegas: Escoitar, falar e sentir en galego, e Tui 4.611 € para Tui en Letras.
Na contorna de Pontevedra reciben axudas oito concellos: Barro contará con 4.317 € para Dándolle á lingua; Caldas de Reis con 4.297 € para O galego é natural; A Lama con 4.249 € para a edición e difusión do número 19 da revista cultural en lingua galega A Pedreira; Moraña con 3.342 € para Escolle comercio local, merca en galego; O Campo Lameiro con 1.098 € para un ciclo de cine galego; Poio con 4.011 € para Palco das Letras 2026: Maios 2026 e Certame Literario Xaime Illa XXXIV; Ponte Caldelas 2.530 € para Latexos, e Vilaboa con 1.480 € para as xornadas de fomento do uso de galego Buxainas Coloridas.
En canto á comarca do Salnés, as axudas iran destinadas a nove concellos: Cambados terá 2.530 € para As Mulleres do Mar 2; Catoira 3.151 € para Foliada Asalto: Cantamos e bailamos a nosa lingua; O Grove 3.418 € para a II edición do proxecto de dinamización da lingua galega Lingua e Cinema; A Illa de Arousa 616 € para os libros Bego e o mundo do revés e como complemento á lectura dun espectáculo escénico musical; Meis 1.633 € para A Furia de Amanita; Pontecesures 1.334 € para a campaña de promoción da praza de abastos; Sanxenxo 1.941 € para Sanxenxo Fala; Valga 5.395 € para o XXVII Premio de investigación Xesús Ferro Couselo, e Vilagarcía de Arousa 6.105 € para o programa de actividades Argonautas Literarios 2026.
No caso da comarca de Deza e Terra de Montes recibirán as achegas para actividades de dinamización da lingua galega un total de catro concellos: Dozón recibe 262 € para a actividade do Día das Letras Galegas; A Estrada 6.350 € para a actividade de dinamización da lingua do ano 2026; Lalín 4.150 € para Lalín nas Letras 2026, e Vila de Cruces 2.769 € para As nosas letras en familia. Finalmente, no Morrazo Bueu contará con 5.539 € para os certames de poesía e xornalismo Johan Carballeira, Cangas de Morrazo con 2.053 € para as II Xornadas do galego no videoxogos: uso saudable, e Moaña con 7.687 € para o programa 21 días en galego.
