A Deputación adxudica por 580.000 euros as obras para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6007 ao seu paso por Cercio, en Lalín

O presidente Luis López explicou que a institución provincial financia o 70% da actuación, mentres que o Concello asume o 30% restante

24/07/2026

A Deputación adxudica por 580.000 euros as obras para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6007 ao seu paso por Cercio, en Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe adxudicación para as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6007 Goleta-Cercio-Estrada Rodo-Brántega, en Lalín, ao seu paso polo núcleo de Cercio por algo máis de 580.000 euros, dos que a institución financia o 70% e o Concello o 30% restante.

As obras desenvolveranse nun tramo de 250 metros da estrada provincial ao seu paso polo núcleo de Cercio, onde se mellorará a mobilidade peonil e se habilitarán novos espazos de aparcamento. Para iso acondicionaranse dúas zonas preto da igrexa, creando unha praza para a xuntanza dos veciños e outro espazo para estacionamento. Ademais, executarase unha senda peonil nun primeiro tramo; nun segundo, habilitarase unha plataforma única como zona de convivencia, con preferencia peonil, e no tramo final mellorarase o trazado existente. Por outra banda, na contorna da igrexa parroquial de Santiago instalarase un novo pavimento, mobiliario e plantaranse árbores. E, entre outras actuacións, tamén se executará a rede de pluviais e faranse melloras no alumeado da zona.

O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “tres cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 2,1 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais en Valga e Mos. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.