A Deputación aproba o convenio co Concello de Forcarei para investir na vía provincial que o une coa Estrada

As dúas administracións dedicarán máis de 570.000 euros na mellora da mobilidade peonil cunha senda peonil, así como actuacións de reposición do firme e mellora dos servizos

10/07/2026

A Deputación aproba o convenio co Concello de Forcarei para investir na vía provincial que o une coa Estrada

O presidente Luis López anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de dar o visto bo ao convenio de colaboración que asinarán a Deputación de Pontevedra e o Concello de Forcarei para investir máis de 570.000 euros na vía provincial que une este municipio co da Estrada, a EP-7001, nun treito de preto dun quilómetro desde a rotonda situada nas inmediacións do campo de fútbol e piscina municipais de Forcarei ata o entronque coa EP-7201.

Luis López sinalou que as obras estarán financiadas ao 80% pola Deputación e ao 20% restante polo Concello de Forcarei. A súa actuación principal será “mellorar a mobilidade peonil da vía a través dunha senda peonil de 2,5 metros na marxe esquerda”, e tamén se mellorará o tráfico rodado a través da reposición do firme en todo o ámbito de actuación. Ademais, mellorarase o sistema de drenaxe coa instalación de novos colectores soterrados e a execución de sumidoiros e cunetas revestidas, e renovaranse tanto a iluminación, con novos puntos de luz, como a sinalización horizontal. O prazo de execución será de seis meses.

O presidente da Deputación lembrou que esta actuación súmase ás obras adxudicadas en xuño deste ano tamén na EP-7001, pero no termo municipal da Estrada, nas que se investirán preto de 900.000 euros para a reposición do firme nun treito de preto de 12 quilómetros, co que o investimento para esta vía suma máis de millón e medio de euros entre as dúas actuacións. “Ocupámonos de que as nosas infraestruturas viarias estean nas mellores condicións para que tanto os coches como as persoas poidan circular con total seguridade”, sinalou Luis López.

410.000 € do Plan +Provincia para actuar en camiños e vías municipais

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á aprobación de 410.000 € do Plan +Provincia 2026-2027 ao Concello de Forcarei con destino a actuacións de rehabilitación superficial, reforzo do firme e mellora da drenaxe en vías e camiños situados nas parroquias de Aciveiro (accesos e rúas do núcleo de Filloi), Forcarei (camiño de acceso á Ponte e A Casanova desde a EP-7201, e desde Forcarei a Chamosa), A Madalena (camiño de Trasdomonte) e Pardesoa (camiño de acceso norte a Pardesoa). “Cada semana estamos máis preto de completar os 85 millóns de € do plan, que conta coa liña de investimento correspondente ao ano 2027 para que os concellos poidan garantir xa este ano os seus proxectos máis ambiciosos”, asegurou o presidente.