A Deputación aproba 430.000 euros para que os concellos de Marín, Ponte Caldelas e Portas melloren as súas dotacións deportivas
Estes recursos enmárcanse no III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e permitirán reformar e facer novos aseos no campo de fútbol de Portas, financiar as obras de mellora do campo de fútbol municipal de Ponte Caldelas e instalar unha nova pista deportiva na avenida de Ourense de Marín
17/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres do visto bo a novos recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos de Marín, Ponte Caldelas e Portas, que recibirán 430.000 euros para mellorar as súas dotacións deportivas. Ademais destes recursos para estes tres concellos, a Xunta de Goberno do organismo provincial tamén aprobou esta semana outros preto de 920.000 de euros para que A Caniza, A Estrada, A Guarda, As Neves, Cambados, Covelo e Soutomaior impulsen e melloren dotacións deportivas baixo o paraugas deste plan provincial.
“Dez concellos máis e dez novos exemplos de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 8 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos axuda a seguir construíndo a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”, asegurou o presidente da Deputación.
Deste xeito, coa axuda aprobada na Xunta de Goberno para Portas, que ascende a 92.000 €, o Concello poderá reformar e facer novos aseos no campo de fútbol. En concreto, substituirase a cuberta de uralita da edificación destinada a almacenaxe e armarios e a do edificio de oficinas, onde tamén se demolerán os aseos, renovaranse as instalacións de iluminación e electricidade, a substitución de portas de fiestras e a execución dun novo pavimento. Por último, proxéctase unha edificación independente que albergará novos aseos.
Pola súa banda en Ponte Caldelas, con 110.000 euros que completará con 26.600 do Plan +Provincia 2026-2027, poderá financiar ao 100% as obras de mellora do campo de fútbol municipal, que incúen a mellora do sistema de iluminación do terreo de xogo, a instalación dun sistema de megafonía e a reforma dunha bancada no lado leste do campo. Así, no relativo á iluminación o campo conta actualmente con 20 proxectores instalados en 3 torres, que se substituirán por novas luminarias led con 8 proxectores en cada unhas das torres (un total de 32). Ademais, dotarase ao recinto dun sistema de megafonía con altofalantes nas dúas bancadas, e na leste construiranse un novo chanzo e instalaranse dúas filas de asentos para aumentar a súa capacidade e comodidade.
Finalmente cos 226.000 € dirixidos a Marín, o goberno local poderá instalar unha nova pista multideportiva no espazo paralelo á avenida de Ourense comprendido entre o peche portuario e á fronte do novo auditorio, válida para a práctica dos deportes de fútbol sala e baloncesto. Ademais, as actuacións proxectadas inclúen a instalación dun novo pavimento de formigón armado arredor da pista e a renovación dos servizos municipais para adaptalos a esta nova instalación: adaptarase a recollida das augas pluviais, instalarase unha fonte de auga potable e se instalarán dous novos puntos de luz.
