A Deputación aproba unha achega de preto de 800.000 € do Plan +Provincia para que o Concello de Poio afronte a mellora das rúas Sil, Umia e Oitavén en San Salvador

Trátanse de recursos do Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación que, este ano, pon a disposición dos concello 85 millóns de euros”, asegurou o presidente Luis López.

06/03/2026

A Deputación aproba unha achega de preto de 800.000 € do Plan +Provincia para que o Concello de Poio afronte a mellora das rúas Sil, Umia e Oitavén en San Salvador

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a unha achega por valor de preto de 800.000 € para que o Concello de Poio afronte a mellora das rúas Sil, Umia e Oitavén en San Salvador. Trátanse, tal e como informou o presidente Luis López, de recursos do Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación que, este ano, pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia 85 millóns de euros”.

Con estes recursos, que ascenden a preto de 800.000 €, dos que, tal e como informou López, 228.000 € correspóndense coa liña 1 do Plan +Provincia 2026 e preto de 568.000 € co adianto da liña 1 do 2027, Poio poderá mellorar as rúas Sil, Umia e Oitavén no lugar da Caeira, en San Salvador. “Trátase dun proxecto moi demandado, que agora vai ser unha realidade froito do traballo que está desenvolvendo o Concello de Poio, escoitando á sociedade para executar unha actuación acorde ás necesidades da veciñanza”, remarcou o presidente.

Ao detalle, nesta contorna vaise rehabilitar o firme e eliminar as barreiras arquitectónicas coa creación dunha plataforma única. Tamén se mellorará o sistema de recollida de pluviais e instalará unha tubaxe para o futuro soterramento das liñas aéreas de telecomunicacións e electricidade. Ademais, renovarase o sistema de alumeado público e construiranse escaleiras para axudar a salvar o desnivel entre as rúas río Sil e Tambre. Finalmente, no espazo de xogo deportivo e infantil existente na rúa río Oitavén, realizarase unha actuación de reordenación e rehabilitación integral para converter o recinto nun lugar de reunión veciñal interxeracional.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.