A Deputación aproba máis de 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos de Covelo, Nigrán, O Porriño e Tui

Covelo recibirá 87.000 € para completar o financiamento da reforma interior do ámbito de solo urbano non consolidado PEU-1 do PXOM, Nigrán máis de 245.000 € para mellorar e restaurar a fonte de Rial e outros 6 lavadoiros municipais, Tui máis de 515.000 € para mellora de firmes en vías municipais e O Porriño máis de 575.000 € para a prolongación da rede de saneamento e mellora da seguridade viaria no Barbeito

24/07/2026

A Deputación aproba máis de 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos de Covelo, Nigrán, O Porriño e Tui

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno sete achegas por valor de máis de 1,4 millóns de euros para os concellos de Covelo, Nigrán, O Porriño e Tui no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Covelo recibirá 87.000 € para completar o financiamento da reforma interior do ámbito de solo urbano non consolidado PEU-1 do PXOM, Nigrán máis de 245.000 € para mellorar e restaurar a fonte de Rial e outros 6 lavadoiros municipais, Tui máis de 515.000 € para mellora de firmes en diferentes vías municipais e O Porriño máis de 575.000 € para a prolongación da rede de saneamento e mellora da seguridade viaria no Barbeito.

Máis polo miúdo, con estes recursos Covelo completará o financiamento do proxecto que xa conta cunha achega de 500.000 € do Plan Extra e permitirán urbanizar unha parcela de máis de 9.000 metros cadrados no centro urbano da vila incluída no Plan Especial de Reforma Interior do Ámbito de Solo Urbano non Consolidade (PEU-1) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello. Nela está previsto rematar a estrutura urbana da vila polo noroeste, a creación de aparcadoiros disuasorios para fomentar a mobilidade peonil no centro da vila, a reordenación do espazo público e a mellora da imaxe, da accesibilidade e dos elementos patrimoniais. Ademais, contémplase a ampliación da anchura da rede viaria e das beirarrúas.

No caso de Nigrán, o proxecto consiste na conservación, restauración, recuperación e consolidación da Fonte do Rial, na parroquia de Camos, e de seis lavadoiros públicos de propiedade municipal: Rans (San Pedro), Cabreira (San Pedro), Carballal (Camos), Mina Camos (Camos), O Torreiro Nandín (Parada) e Pracins de Abaixo (Chandebrito). A actuación comprende a limpeza e restauración dos propios lavadoiros e a eliminación e desmonte de todos os sistemas e elementos construtivos alleos á peza orixinal. Deste xeito, recuperaranse muros de granito do país, instalaranse novos piares de granito e cubertas inclinadas a unha ou dúas augas segundo sexa a situación e tipoloxía. Tamén se rexenerará a contorna pública que rodea estes elementos, deseñando espazos de calidade, con novos pavimentos, novas instalacións de iluminación e completando a actuación coa rexeneración das zonas verdes adxacentes.

Para Tui a Xunta de Goberno aprobou catro actuacións diferentes: 66.000 € para a mellora do firme en vías no Regueiro, en Paramos; 129.000 € para Eidos e As Cegoñeiras, en Guillarei; 130.000 € para Anxo-Funchal, en Rebordáns, e 183.000 € para a Guía-Remuiños, en Randulfe. En liñas xerais, en todos os camiños procederase a realizar as seguintes actuacións: roza e limpeza superficial do terreo a ambas marxes da vía, incluíndo retirada de pequena vexetación, escombros, lixo, etc.; aplicación dun rego de adherencia con emulsión asfáltica, execución do reforzo dos firmes, ou recrecido de pozos de rexistro e tapas de arquetas ata a nosa rasante. Nalgúns casos, ademais, procederase ao pintado de marcas viarias, execución de cunetas e de colectores e sumidoiros.

Por último, O Porriño procederá a prolongar a rede de saneamento municipal na zona sur do núcleo, rural de Cabadiñas-Madorras-A Loruiña, a zona norte do núcleo da Devesa e o núcleo de Barbeito, incluíndo a mellora da seguridade viaria na vía municipal que vai desde a PO-342 ata a capela de San Diego. Esta prolongación, que se fará aproveitando a renovación da capa de rodaxe desta vía, permitirá dar servizo a un total de 41 vivendas.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.

audios