A Deputación aproba 500.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Crecente e Mos

Crecente contará con 180.000 € para a mellora do saneamento e depuración na parroquia de Rebordechán e Mos con 315.000 € para a segunda fase da remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán

06/11/2026

A Deputación aproba 500.000 euros do Plan +Provincia para os concellos de Crecente e Mos

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de 500.000 euros para os concellos de Crecente e Mos no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Crecente contará con 180.000 € para a mellora do saneamento e depuración na parroquia de Rebordechán e Mos con 315.000 € para a segunda fase da remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán.

Desta maneira, en Crecente o proxecto contempla a execución dunha rede de saneamento para dar servizo aos núcleos de Miaxal, Surreiro, O Reguengo, Pousa, O Tarendo, Pazo e O Cotado, na parroquia de Rebordechán, que actualmente carecen de colectores e sistema de tratamento de augas residuais. Para iso, instalaranse novos colectores, un sistema de bombeo e unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) con capacidade para 75 habitantes equivalentes, que permitirá tratar as augas antes da súa infiltración no terreo.

No caso de Mos, o proxecto contempla a segunda fase da remodelación do contorno da igrexa de Santa María de Guizán coa creación dun espazo público máis accesible e pensado para o uso peonil. A actuación inclúe a creación dunha plataforma única e dunha nova praza no entorno do adro, a renovación do alumeado público con tecnoloxía LED, a mellora da rede de pluviais e o soterramento das liñas eléctricas e de comunicacións. Tamén se incorporará novo mobiliario urbano e vexetación para crear zonas de sombra e estancia, ao tempo que se pon en valor o patrimonio histórico e cultural da contorna.