A Deputación destinará 500.000 € ao novo contrato do servizo de teleasistencia, que terá unha vixencia de dous anos

06/07/2026

A Deputación destinará 500.000 € ao novo contrato do servizo de teleasistencia, que terá unha vixencia de dous anos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este luns que a Xunta de Goberno acaba de adxudicar por 500000 euros o servizo de teleasistencia durante os próximos dous anos, un servizo do que se benefician anualmente arredor de mil usuarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O contrato terá unha duración de dous anos “coa posibilidade de conceder dúas prórrogas anuais máis”, informou o presidente.

O servizo de teleasistencia “está dirixido a persoas en situación de especial vulnerabilidade”, lembrou Luis López, entre as que se atopan persoas maiores, con discapacidade, con enfermidades crónicas, con limitacións na autonomía ou sen apoio familiar suficiente. A teleasistencia permite mellorar a súa calidade de vida, previr situacións de illamento, inseguridade ou risco, e facilitar que os beneficiarios permanezan no seu fogar con atención inmediata e axeitada no caso de que se produza algunha emerxencia.

“Algo tan sinxelo como pulsar un botón pode supoñer unha diferenza na vida destas persoas”, valorou o presidente da Deputación, que informou que no novo contrato o servizo contará con tecnoloxía avanzada, incluíndo móbiles con xeolocalización.

audios