A Deputación de Pontevedra incrementa un 5,5% os recursos destinados á Igualdade, que ascenden no 2027 a 1,9 millóns de euros

A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, remarcou que os recursos destinados para o próximo ano permitirán avanzar cara a igualade tendendo pontes desde a unidade do conxunto da sociedade

12/11/2026

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 5,5% os recursos destinados ao servizo de Igualdade, que ascenden no 2027 a 1,9 millóns de euros. A deputada delegada do servizo de Igualdade, Paula Bouzós, remarcou que os recursos destinados para o próximo ano permitirán avanzar cara a igualdade tendendo pontes desde a unidade do conxunto da sociedade.

Bouzós destacou o incremento da partida destinada a proxectos de promoción da igualdade, que medra un 11% ata chegar aos 750.000 euros. Unha partida na que se inclúen proxectos como +Xuntas, dirixido ao tecido asociativo para apoiar o desenvolvemento das mulleres e crear redes de apoio para compartir experiencias a través da formación. Ademais tamén se apostará por programar diferentes formacións atendendo aos perfís profesionais da administración local, para dar resposta á lexislación en materia de igualdade e impulsaranse xornadas centradas na mellor no deporte e na saúde das mulleres, así como o programa Receitas de Vida.

As subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para impulsar a igualdade e loitar contra a violencia machista ascenden a 260.000 euros e contarán co mesmo importe as axudas destinadas aos concellos para o mesmo fin. Por outra banda lanzarase a cuarta edición de Aquí Faltan Páxinas e a terceira de Mulleres de Palabras, seguindo coa iniciativa da biblioteca itinerante, despois da primeira edición piloto, reforzando a súa dinamización e os clubs de lectura con perspectiva de xénero.

Co orzamento aprobado para o vindeiro ano, a deputada provincial subliñou que serán preto de 8 millóns de euros os recursos dirixidos ao fomento da igualdade nos últimos anos. Neste eido, recordou que con esta suma de fondos públicos, ademais das iniciativas anteriores e entre outras actividades, impúlsanse proxectos de investigación en universidades relacionados coa igualdade, premios para promover a igualdade como E ti, que pensas da igualdade? e os de Boas Prácticas en Igualdade.