A Deputación comeza as obras para a mellora da mobilidade peonil na estrada de Baión, en Vilanova de Arousa, nas que investirá preto de 900.000 euros
O deputado Javier Tourís supervisou o arranque da actuación, “moi demandada pola veciñanza, porque permitirá arranxar os problemas de seguridade viaria nesta estrada con denso tráfico rodado e movemento de persoas”
03/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras para a mellora da mobilidade peonil na estrada de Baión, en Vilanova de Arousa, nas que investirá preto de 900.000 euros. O deputado Javier Tourís, xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, supervisou o arranque da actuación, “moi demandada pola veciñanza, porque permitirá arranxar os problemas de seguridade viaria nesta estrada con denso tráfico rodado e movemento de persoas xa que na súa contorna se atopan equipamentos públicos como o CEIP de Sestelo, a gardería e o centro de saúde de Baión”.
Os traballos realizaranse entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+560 desta estrada provincial EP-9701 Baión-András e contemplan a execución dunha senda peonil en formigón coloreado na marxe esquerda da vía ao longo dos seus primeiros 500 metros. Tamén se creará unha zona de convivencia, nos últimos 60 metros obxecto da actuación, e mellorarase a recollida de pluviais. Ademais, a actuación contempla a renovación do firme e a realización dunha correcta sinalización horizontal e vertical.
Ademais, a mellora da estrada de Baión completarase con outra actuación anunciada a semana pasada polo presidente Luis López que, por valor de 1,3 millóns de euros, mellorará a seguridade nun tramo doutros 400 metros desta vía provincial, entre os puntos quilométricos 8+800 e 9+218, e de máis de 2,5 quilómetros da EP-9703 entre Vilanova de Arousa e Pontearnelas.
