A Deputación analiza os desafíos e oportunidades da comarca de Caldas de Reis para incorporar na Axenda Urbana e Rural da provincia de Pontevedra

A deputada de Infraestruturas Públicas, Isabel Couselo, inaugurou este mércores a mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da provincia na que participaron rexedora e rexedores, concelleiras e concelleiros, persoal técnico e representantes do tecido asociativo da comarca de Caldas

20/03/2024

mesa de traballo correspondente á comarca de Caldas

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na Axenda Rural e Urbana da provincia de Pontevedra (AUPO 2030) e acaba de organizar a mesa de traballo correspondente á comarca de Caldas, tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, O Morrazo e Deza. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, foi a encargada de inaugurar esta xornada, na que puxo en valor a aposta da institución provincial para acadar os obxectivos de sostibilidade recollidos na Axenda 2030 e construír un novo modelo para Pontevedra.

Nun acto no que estiveron presentes rexedora e rexedores, concelleiras e concelleiros da comarca de Caldas, persoal técnico e profesional da Administración local e representantes do tecido asociativo desta área, a deputada reiterou a vocación “municipalista” da Deputación. “É fundamental tender pontes a través do debate e do intercambio de visións” porque “todos vós facedes provincia”, remarcou Isabel Couselo. “Por iso, poñemos en marcha este amplo proceso participativo, para escoitar as vosas demandas e necesidades e, así, planificar a folla de ruta para o futuro da nosa provincia a través dun proxecto conxunto e compartido”, asegurou a deputada.

A AUPO 2030 trátase dunha estratexia transversal que recolle os desafíos que debe afrontar a provincia así como as oportunidades que ten para impulsar, deste xeito, un novo modelo de desenvolvemento urbano e rural. O obxectivo principal é converter Pontevedra nun lugar máis resiliente, inclusivo e seguro, que aposte pola sustentabilidade no económico, social e medioambiental, que coide da súa veciñanza e ofreza servizos de calidade en todo o seu territorio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.