A Deputación leva ata o palacete das Mendoza a exposición “Hojas de hierba” do pintor J. C. Vilar

A mostra, na que o artista pontevedrés presenta un “eloxio á sinxeleza”, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata o 7 de abril

20/03/2024

A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 22 de marzo a exposición “Hojas de hierba”, do pintor e profesor pontevedrés J. C. Vilar. Na mostra, que se poderá visitar no Palacete das Mendoza ata o 7 de abril, o artista presenta un “eloxio á sinxeleza” baseado no libro de poemas homónimo publicado en 1855 polo poeta Walt Whitman (Leaves of Grass).

Desta maneira, Vilar trata de buscar a fermosura na sinxeleza, desde un paxaro cazado polo seu gato ata as vellas portas descoloridas polo sol e o paso dos anos, pasando por unha billa de paso de auga a personaxes da rúa anónimos. Desta maneira, as persoas que retrata son coma os “ninguén” de Eduardo Galeano, persoas que pasarían desapercibidas en calquera rúa de calquera cidade: persoas anónimas, músicas da rúa, artesás, ou traballadoras. O mesmo que pasa cos lugares representados, que son recunchos anónimos que ás veces serían difíciles de localizar incluso para as e os propios habitantes, pero que están aí e lles dan vida e encanto ás vilas.

Juan Carlos Vilar (Pontevedra, 1958) ten formación autodidacta como debuxante. Cun estilo realista, comezou debuxando a lapis e carbón vexetal, e a súa técnica derivou ao gouache (ou augada), tinta china e acrílico. Comezou expoñendo de maneira colectiva en 1974 no Liceo de Vilagarcía de Arousa e, en 1982, fixo a súa primeira exposición individual na Sala Albatros de Pontevedra. En 1986 foi seleccionado no Certame Novos Valores, convocado anualmente polo Museo de Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos galardóns, coma o primeiro premio do Certame Nacional de Debuxo Felipe Orlando (Málaga, 2017); o do XXII Concurso de Pintura con motivos taurinos (Sevilla, 2018), ou o segundo premio no Concurso Nacional de Debuxo Antonio del Rincón (Guadalajara, 2020).

A exposición “Hojas de hierba”, que acollerá a partir deste venres o palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 7 de abril de luns a venres, de 9 a 20 horas; sábados e festivos, de 10 a 14 e de 16 a 19 horas; e domingos, de 10 a 14 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.