A Deputación asiste á Feira Expovacaciones de Bilbao para captar visitantes de proximidade e reforzar a proxección do destino Rías Baixas

Entre o 8 e o 10 de maio contará cun posto propio na feira vasca onde contactará con operadores turísticos, axencias de viaxes e profesionais do sector para xerar oportunidades de negocio na provincia de Pontevedra

03/05/2026

A Deputación de Pontevedra asiste á 46ª edición da Feira Expovacaciones de Bilbao, unha das máis importantes de España, co obxectivo de captar visitantes de proximidade e reforzar a proxección do destino Rías Baixas. Deste xeito, entre o 8 e o 10 de maio, o organismo provincial contará cun posto propio nesta feira vasca, desde onde contactará con operadores turísticos, axencias de viaxes e profesionais do sector para xerar oportunidades de negocio na provincia de Pontevedra.

Ademais, en Bilbao, a Deputación de Pontevedra traballará na promoción de produtos estratéxicos vinculados ao patrimonio natural, cultural e gastronómico das Rías Baixas, tendo en conta que Expovacaciones trátase dun dos grandes puntos de encontro dos amantes das viaxes e das experiencias únicas. Por outra banda, a feira aglutina a un público interesado en escapadas e experiencias turísticas, contribuíndo de maneira directa ao obxectivo estratéxico do organismo provincial de desestacionalizar a demanda turística na provincia.

A Deputación de Pontevedra será un dos 200 expositores que acudirá á cita de Bilbao, que cada ano reúne a máis de 30.000 persoas que buscan información para planificar as súas próximas escapadas e vacacións. En Expovacaciones daranse cita desde países ata comunidades autónomas españolas, cidades, provincias, pobos, comarcas, aloxamentos e, entre outras, empresas de servizos.