A Deputación amplía o prazo das exposicións ‘Utopías’ e ‘Rosalía Ilustrada’ na sede de Vigo ante o éxito de público

A mostra dedicada á autora galega máis universal prolonga a súa estadía ata o 7 de xullo, mentres que a proposta multidisciplinar de Cristina Fernández, Eva López Tarrío e Rosa García poderá visitarse ata o 26 de xuño

30/05/2026

A Deputación amplía o prazo das exposicións ‘Utopías’ e ‘Rosalía Ilustrada’ na sede de Vigo ante o éxito de público

A Deputación de Pontevedra vén de ampliar o prazo das dúas exposicións que acolle actualmente a súa sede de Vigo, situada no casco vello da cidade, ante a grande acollida por parte do público. Trátase das mostras ‘Utopías’, que permanecerá aberta ata o vindeiro 26 de xuño, e ‘Rosalía Ilustrada’, que poderá visitarse ata o 7 de xullo.

A proposta multidisciplinar ‘Utopías’, inaugurada o pasado 15 de abril na sala Maruja Mallo, reúne obras das artistas Cristina Fernández, Eva López Tarrío e Rosa García nunha proposta multidisciplinar que convida á reflexión arredor das tensións entre o ideal e o posible, entre a perfección e o erro, ou entre o control e a liberdade. A mostra propón un percorrido emocional e conceptual no que o público é convidado a implicarse activamente na interpretación das obras.

Pola súa banda, ‘Rosalía Ilustrada’, instalada na sala Rosalía desde o 5 de maio, ofrece un diálogo entre literatura e arte visual a través de 35 ilustracións orixinais realizadas por 34 artistas galegos e galegas inspiradas na obra de Rosalía de Castro. A exposición, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, reúne pezas de creadoras e creadores como Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide ou Kiko da Silva, entre outros.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, valorou positivamente a resposta do público ante estes dous proxectos culturais e destacou que “a ampliación destas exposicións permítenos seguir achegando á veciñanza cultura de calidade e consolidar a sede de Vigo nun espazo aberto á cidade”.

Ambas exposicións poden visitarse de luns a venres en horario ininterrompido de 9.00 a 20.30 horas na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, na rúa Eduardo Chao.