A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas ás escolas de música sen ánimo de lucro, dotadas este ano de preto de 150.000 euros
As axudas experimentaron un incremento do 20% respecto a 2025 e acumulan unha suba do 60% durante o actual mandato, co fin de axudar a que estas entidades manteñan con vida as escolas de música no conxunto do territorio
18/06/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir para solicitar as axudas ás escolas de música de asociacións sen ánimo de lucro, dotadas este ano de preto de 150.000 euros. As axudas aumentan este ano nun 20% o seu crédito respecto a 2025 e acumulan unha suba do 60% durante o actual mandato, co fin de axudar a que estas entidades manteñan con vida as escolas de música no conxunto do territorio. A apertura do prazo de solicitude prodúcese trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e permanecerá ata o próximo 30 de setembro.
As axudas permitirán financiar gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, a reparación e conservación dos seus locais, a reparación de instrumentos, as primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico. As subvencións outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e teranse en conta criterios como o número de alumnos, o número de docentes, o orzamento de gastos da escola ou as especialidades impartidas.
Trátase dunha liña que reforza a colaboración do tecido asociativo da provincia e que resulta fundamental para manter con vida as escolas de música no conxunto do territorio. As axudas ás escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro contribúen á promoción do labor das escolas na difusión e na valorización do patrimonio cultural inmaterial da provincia e de Galicia, un eido no que a infancia e a xuventude ocupan un lugar relevante.