A Deputación aconsella manter a vixilancia das viñas e controlar as cubertas vexetais para garantir a sanidade das vides
Comeza a actividade do scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, ao atopar a primeira ninfa nunha viña da comarca do Condado. Areeiro recomenda arrincar as plantas enfermas infectadas e eliminar as vides abandonadas que poden albergar o patóxeno
31/05/2026
A Deputación de Pontevedra recomenda manter a vixilancia das viñas ante a incerteza das previsións meteorolóxicas e controlar as cubertas vexetais para garantir a sanidade das vides. O último boletín da Estación Fitopatolóxica Areeiro tamén advirte do inicio da actividade do scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, ao atopar a primeira ninfa deste insecto nunha viña da comarca do Condado. Deste xeito, o organismo recomenda arrincar as plantas enfermas que estean infectadas e eliminar as vides abandonadas que poden albergar o patóxeno aínda que non presenten síntomas.
As viñas das diferentes comarcas atópanse en moi bo estado, con ausencia de síntomas de mildio ou coas manchas antigas ben controladas. Ao respecto, Areeiro recomenda manter a vixilancia continua, sendo máis estritos nos predios onde non se logrou controlar ben algunha infección anterior, naqueles onde a protección da aplicación estea próxima a rematar ou nos lugares onde poida haber tormentas.
As condicións meteorolóxicas desta semana favoreceron o avance da fenoloxía xeral e o crecemento vexetativo das plantas. Deste xeito, nos viñedos con maior frondosidade e onde xa estea a floración superada, Areeiro aconsella controlar o exceso de vexetación e eliminar os netos e brotes chupóns en xeral, tanto para favorecer a penetración dos caldos fitosanitarios como para que os acios estean máis aireados e lles chegue a enerxía do sol.
No que respecta ao oidio observáronse algunhas plantas co micelio deste fungo, pero sen afectar os acios. Ao respecto, Areeiro advirte que existe risco alto para esta enfermidade e recomenda incrementar a vixilancia por se houbera que tratar para evitar infeccións. Do mesmo xeito recomenda vixilancia no que respecta ao black rot, do que non se observaron síntomas novos.
O número de capturas de cydia pomonella, que afecta ás maceiras, foi moi elevado esta semana, observándose as primeiras perforacións das eirugas e os primeiros síntomas de moteado nunha folla. No que respecta ao castiñeiro, recolléronse os primeiros adultos de pammene fasciana, a especie que pode provocar a caída prematura dos ourizos e reducir a colleita, e continúan sen capturarse machos de cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo.
