Luis López fai balance da viaxe institucional “frutífera, intensa e emotiva” a Arxentina e Uruguai que serviu para pechar a cesión ao Museo da obra cumio de Castelao
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado Jorge Cubela e a directora do Museo, Ángeles Tilve; estreitou lazos con sete colectivos de galegos en Bos Aires e Montevideo e coñeceu a súa riqueza cultural e económica
28/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fai balance da viaxe institucional á Arxentina e Uruguai que serviu para pechar de xeito oficial a cesión do cadro de Castelao, “A Derradeira Lección do Mestre”, por parte do Centro Galicia de Bos Aires ao Museo de Pontevedra durante tres meses culminando deste xeito o traballo previo realizado ao longo dos últimos meses polo vicepresidente e responsable do Museo provincial, Rafa Domínguez. Un desprazamento no que, ao longo de tres días, a delegación pontevedresa, encabezada polo presidente Luis López xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, o deputado de Cultura Jorge Cubela; e a directora do Museo, Ángeles Tilve; estreitou lazos en todos os ámbitos coa comunidade galega residente nas capitais arxentina e uruguaia.
“Unha viaxe intensa, frutífera e emotiva que serviu para marcar un fito histórico no Museo de Pontevedra e reforzar, máis se cabe, as pontes de galeguidade que nos unen a ambas beiras do Atlántico”, condensou o dirixente provincial.
Ademais da cesión da emblemática pintura de Castelao que se escenificou coa sinatura dun convenio no Campo Galicia entre a Deputación e Centro Galicia de Bos Aires ao que asistiron decenas de integrantes das colectividades galegas de Bos Aires, a viaxe serviu tamén para estreitar lazos cos galegos residentes nestas dúas cidades cun total de sete encontros con distintos colectivos de emigrantes que manteñen viva a galeguidade agrupados en centros cos nomes dos seus concellos, como o Centro da Estrada, o Centro Lalín, Agolada e Silleda; ou o Centro Pontevedrés de Montevideo, entre outros.
Así mesmo, a comitiva pontevedresa puido comprobar in situ o inmenso patrimonio cultural dos galegos en Sudamérica, como A Santa de Asorey en Uruguai; ou explorar posibilidades de colaboración con entidades culturais e tamén económicas. Ese foi o obxectivo do encontro co presidente do Club de Executivos do Urugai e tamén o da recepción oficial na Embaixada de España neste país.
