A Deputación abre o prazo para que as entidades culturais poidan solicitar axudas para promover o uso do galego, dotadas con 150.000 €

As entidades teñen de prazo un mes, desde este martes 17 de febreiro, para presentar as súas solicitudes e beneficiarse destas achegas encamiñadas á dinamización lingüística

16/02/2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a liña de axudas dirixida a entidades culturais sen fins de lucro para a dinamización da lingua, dotada con 150.000 euros. O obxectivo é potenciar o uso do galego no ámbito socioeconómico e en todos os sectores de importancia con repercusión social, así como promover a mellora do seu prestixio. Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as entidades teñen un prazo dun mes, a partir deste martes 17 de febreiro, para presentar as súas solicitudes.

Esta liña de axudas, da que o pasado ano se beneficiaron 44 entidades culturais sen fins de lucro da provincia, distribuirá ata 4.000 euros, sempre que non excedan o 75% do orzamento da actividade a realizar. En liñas xerais, vai dirixida a proxectos de fomento do uso do galego como certames literarios ou xornalísticos, proxectos audiovisuais, videoxogos ou bandas deseñadas; iniciativas de toponimia; actividades de fomento do emprego do galego no comercio e na industria; campañas para a dinamización, uso e prestixio da lingua galega; ou, entre outras, iniciativas de captación de neofalantes.

Os recursos provinciais servirán para cubrir desde gastos de infraestruturas e espazos para desenvolver programas ou actividades, ata a contratación de servizos técnicos, a edición de publicacións ou, entre outros, servizos de difusión.

Ligazóns de interese