A Deputación mobiliza esta semana a preto de 100 persoas da provincia no marco do programa de termalismo +Benestar
Veciños e veciñas de 21 concellos da provincia gozarán de estancias no Gran Talaso e no Hotel Carlos I Silgar, ambos en Sanxenxo, con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
08/11/2025
96 persoas de 21 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar con estadías no Gran Talaso e no Hotel Carlos I Silgar, ambos en Sanxenxo. En concreto, trátase de veciños e veciñas dos concellos de Baiona, Cambados, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Moraña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, e Vilagarcía de Arousa.
Ao detalle, ata 50 persoas de Baiona, Cambados, Cuntis, A Estrada, A Guarda, Lalín, Marín, Mos, Moraña, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, O Rosal, Soutomaior, Tomiño e Vilagarcía de Arousa desfrutarán de +Benestar no Gran Talaso de Sanxenxo; mentres que outras 46 de Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Tui farán o propio no Hotel Carlos I Silgar, tamén en Sanxenxo.
Nesta edición do programa de termalismo +Benestar están a participar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia, con estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo, Marín ou Pontevedra.