A Deputación organiza un encontro con Carmen Quinteiro no IES Primeiro de marzo de Baiona no marco da programación da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s)

A deputada provincial Paula Bouzós visitou o centro educativo onde estará instalada a biblioteca itinerante ata o 21 de outubro

01/10/2026

A Deputación organiza un encontro con Carmen Quinteiro no IES Primeiro de marzo de Baiona no marco da programación da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s)

A deputada provincial Paula Bouzós visitou o IES Primeiro de marzo, en Baiona, co gallo dun encontro coa poeta e docente Carmen Quinteiro enmarcado na programación da biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) no que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer o proceso creativo da escritora. Esta iniciativa provincial, que ten por obxectivo achegar publicacións escritas e recomendadas por mulleres e está aberta a centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia, recalará tamén este mes de outubro no Centro de Educación Permanente de Adultos Río Lérez de Pontevedra.

A biblioteca itinerante de Mulleres de palabra(s) trátase dunha das novidades da segunda edición deste programa que chegará aos centros educativos da provincia que así o soliciten. A Deputación de Pontevedra, coa itinerancia da biblioteca, facilitará aos centros educativos a listaxe de títulos, ordenada por xéneros e por idade do público lector. O seu fondo, tal e como explicou a deputada provincial Paula Bouzós, está integrado por exemplares que abranguen desde títulos das autoras que participaron na primeira edición ou que foron recomendados, como por publicacións para público infantil e xuvenil, exemplares de banda deseñada e novela gráfica, poesía, obra das novas voces literarias e exemplares para público lector adulto. Ademais, o organismo provincial posibilita que a chegada da biblioteca vaia acompañada cun encontro con escritoras e o alumando do centro educativo, como aconteceu en Baiona con Carmen Quinteiro.

Mulleres de palabra(s) enmárcase no Ateneo pola Igualdade, unha iniciativa creada en 2024 polo goberno de Luis López como recurso público especializado a disposición da cidadanía. O seu principal obxectivo é converterse nun referente na promoción da igualdade e na loita contras as violencias machistas a través da investigación, da formación e da divulgación artística, cultural e científica con perspectiva de xénero. Ademais desta biblioteca itinerante, no marco de Mulleres de palabra(s), terá lugar o 17 de outubro unha sesión coa escritora María Sanchez para celebrar o Día das Escritoras.

Galerias de imaxes